
Dobre protesta do persoal de Vestas Éolica por un convenio digno: na Estrada e na Xunta de Galiza

Os traballadores e traballadoras de Vestas Éolica secundan este venres unha nova xornada de folga, a cuarta en Galiza convocada pola CIG, para reclamar un convenio colectivo digno fronte ás pretensións da empresa de afondar na precariedade laboral e consolidar a perda do poder adquisitivo.

Aproveitando o paro, o persoal realizou dúas concentracións, a primeira diante do centro de traballo que Vestas ten no Concello da Estrada e despois a protesta trasladouse até o edificio administrativo da Xunta de Galiza en Compostela, para reclamar a intervención da administración e que se garantan condicións laborais e salariais xustas neste sector.
A este respecto, a CIG-Industria sinala que o Goberno galego vende este sector como punteiro e con gran proxección de futuro “pero a realidade é que cada día medra máis a precariedade por, entre outras cuestións, facerse contratos á baixa”. Por iso, piden un maior control sobre o sector para impedir competencia desleal entre compañías a conta de precarizar as condicións retributivas e laborais do persoal.

A este respecto, José Ramón Iglesias, representante da CIG na mesa de negociación, denunciou a manobra feita por Vestas Eólica para deteriorar as condicións de traballo, promovendo a negociación dun convenio de ámbito estatal. “As nosa táboas salariais están referenciadas ás dos convenios provinciais do metal. Pero antes da adaptación, a empresa segregounos por centros de traballo para quitarnos dereitos, porque nun principio todo o persoal estaba regulado polo convenio da Coruña, de salarios máis altos”.
Neste proceso, Vestas Eólica distribuíu o persoal polos centros da Coruña, Lugo e Pontevedra, restándolles así, ademais, representación e capacidade de resposta. Na negociación deste terceiro convenio “a empresa pretende aumentar a dispoñibilidade a custe cero. Ofrece pagar as horas complementarias á xornada a 10 euros ou poder dispor dun mínimo de dez fins de semana ao ano en cadrantes organizados cun pago anual de 200 euros”, rexeitou Iglesias.

O persoal demanda reverter a situación actual e volver a un só centro de traballo, o de Bergondo, “como estabamos no ano 2022, antes da adaptación de convenio; coas referencias ás táboas salariais do convenio provincial do metal da Coruña, e suprimir a absorción e compensación que nos aplica agora”. Xunto a isto, reivindican que a dispoñibilidade exixida e os desprazamentos de até 100 minutos por día que non computan como xornada, “se compensen de maneira adecuada, porque o noso traballo non nos permite conciliar”.
O próximo luns, 24 de marzo, a CIG ten convocada unha nova xornada de folga e unha concentración ás 10:00 horas diante da nave de Vestas en Chavín (Viveiro).