Dinahosting decide levantarse da mesa negociadora e precarizar as condicións laborais
A empresa TIC de Santiago, Dinahosting, decidiu hoxe, unilateralmente, deixar decaer o convenio de empresa, aínda que estaba en negociacións no AGA co comité de empresa. Como é ben sabido, nas mediacións producidas no servizo de arbitraxe do Consello Galego de Relacións Laborais a caducidade dos convenios queda en suspenso mentres non se chegue a un acordo, polo que o convenio colectivo non caducaría.
Porén, nun intento evidente de precarizar as condicións de traballo dos traballadores e traballadoras, caendo no convenio de consultorías -criticado repetidamente pola CIG TIC polo seu desfase en dereitos laborais- Dinahosting levantouse da mesa negociadora após ter concretada unha reunión para este vindeiro venres 8 ás 10:30.
Categorías por debaixo do SMI
No marco da negociación do convenio de empresa, onde a parte social indicou que debía ser recoñecido o traballo das categorías con menos importes salariais, que foron as que precisamente tiveron que acudir presencialmente durante o confinamento, despois dun ultimato enviado pola empresa forzando a que se asinara obrigatoriamente a súa proposta, pediuse a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, accedendo a empresa a asistir o día 30 de setembro e confirmando a segunda reunión para este vindeiro venres, pois había evidentes avances na negociación.
Sorprendentemente, a patronal decide deixar decaer o convenio de empresa, publicitado na súa web e nas ofertas de traballo que insire nas webs de busca de emprego, nun contexto de suba de contratacións de produtos e de persoal traballador, e négase en rotundo a subas progresivas que repercutan positivamente nas categorías que, por exemplo, teñen que subirse por lei pois estaban debaixo do SMI no actual convenio colectivo.
Nunha empresa que reparte beneficios anualmente, esta imposición de precariedade aos 123 traballadores e traballadoras da empresa, absolutamente arbitraria, é totalmente desmedida e os traballadores e traballadoras defenderán o actual convenio colectivo diante da perda dos dereitos conseguidos durante anos de negociación e acordos.