Desconvocan a folga indefinida en Denso de Vigo tras o acordo para renovar o convenio
O comité de empresa de Denso, compañía do sector da automoción con sede no polígono vigués de Valadares, decidiu desconvocar a folga indefinida despois de que o cadro de persoal aprobase en asemblea a última proposta da dirección para renovar o convenio colectivo. O texto contempla unha suba salarial do 5,5% en tres anos e rotacións de todos os postos de traballo cada dúas horas, ademais de introducir melloras no sistema de contratación.
O acordo entre as partes materializouse onte a última hora da noite tras un intenso proceso de negociación que rematou coa aprobación en asemblea de traballadorores/as da última proposta achegada pola empresa. O acordo contempla unha suba salarial do 3%, 1,5% e 1% en cada un dos tres anos de duración do convenio (2020, 2021 e 2022) e un plus consolidado para todo o persoal de 400 euros ao ano.
En canto ás rotacións de posto, cuxo incumprimento por parte da empresa motivou a convocatoria de folga, pactouse unha penalización no caso de que se siga sen materializar.
Deste xeito, a compañía terá que incrementar dous minutos cada descanso no caso de non cumprir a medida. Este aumento da duración dos descansos será acumulativo (cada ano que pase sen aplicarse sumaranse dous minutos).
A rotación terá que facerse cada dúas horas e e inclúe a todo o persoal, que deberá pasar por todos os postos. Precisamente para formar os traballadores/as e que poidan desenvolver todas as funcións a partir de decembro de 2021 o novo convenio contempla a contratación de cinco xefes/as de equipo (team leaders), que despois de levar a cabo este proceso formativo quedarán na empresa para reforzar o cadro de persoal.
Máis contratos indefinidos
Os acordos en materia de contratación establecen a conversión de 25 contratos en indefinidos (11 o primeiro ano, 7 o segundo e 7 o terceiro). Ademais, 70 contratos de ETT pasarán a contratación directa por Denso durante un ano e incluiranse tres días de asuntos propios a maiores.
Outra das cuestións que se pactaron ter que ver co Plan de Igualdade, no sentido de que o novo documento ten que estar asinado nun prazo máximo de catro meses. Tamén se acordou reforzar con máis persoal os departamentos de calidade e mantemento.