Desconvocan a folga do lixo en Pontevedra tras o acordo en materia de antigüidade
O persoal da recollida do lixo de Pontevedra decidiu onte cun único voto en contra desconvocar a folga prevista para este domingo tras aceptar a proposta de convenio de Cespa-Ferrovial, que desiste da súa intención de que o persoal renuncie a reclamar a antigüidade dos contratos eventuais.
O cadro de persoal da concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e de dependencias municipais de Pontevedra celebraron a última hora da tarde de onte unha asemblea para analizar o preacordo alcanzado entre o comité de empresa e a dirección de Cespa-Ferrovial sobre o novo convenio colectivo. Os empregados/as valoraron positivamente o contido do documento, optando por desconvocar a folga indefinida prevista para este domingo cun único voto en contra entre o arredor dun cento de traballadores/as presentes na asemblea.
Segundo explican dende a CIG e Pontevedra, o persoal do servizo de recollida do lixo decidiu aprobar o preacordo unha vez que a empresa desiste da súa intención de que os traballadores/as renuncien a reclamar a antigüidade acumulada durante os contratos eventuais. Ademais, o documento pactado entre as partes inclúe melloras sociais como a ampliación dos permisos de lactancia e paternidade e o establecemento de 42 días laborábeis de vacacións ao ano.
En canto á subida salarial acordada, o novo convenio, que terá unha vixencia de tres anos (2016-2018), contempla un 0,7% para este ano con revisión sobre a diferencia co IPC. Para o ano que vén o aumento será do IPC real máis un 0,6%, suba que se manterá para 2018.