Desconvocada a folga no Consorcio de Turismo da Coruña ao garantirse a aplicación do convenio do persoal laboral
A asemblea do persoal traballador do Consorcio de Turismo e Congresos do Concello da Coruña acordou desconvocar a folga que tiñan previsto iniciar o próximo 3 de abril, en resposta ao incumprimento sistemático na aplicación do convenio colectivo do persoal laboral municipal.
O comité de folga mantivo este luns unha xuntanza coa presidencia e a xerencia do Consorcio na que se lles trasladou a decisión adoptada pola Xunta de Goberno do organismo aceptando por unanimidade a aplicación do convenio do persoal laboral do Concello, nos termos do acordo asinado no ano 2017 e que nunca se chegara a aplicar.
Ademais, tamén se acordou o pago das indemnizacións pendentes derivadas das sentenzas gañadas polas persoas traballadoras do ente. Todo isto, explican, farase efectivo nas nóminas que percibirán o vindeiro 31 de marzo.
O persoal móstrase moi satisfeito pola decisión e polo recoñecemento, por fin, dos seus dereitos laborais por parte do Consorcio de Turismo e Congresos do Concello da Coruña.