Desconvocada a folga en BorgWarner ao comprometerse a empresa a cumprir o convenio
O comité de empresa de BorgWarner Emissions System Spain (CIG, UGT, CGT, USO e CCOO), con centros de traballo en Zamáns (Vigo), Porto do Molle (Nigrán) e no polígono da Granxa (Porriño), decidiu onte desconvocar a folga indefinida prevista para este luns 9 de marzo tras comprometerse onte a compañía na mediación do AGA a cumprir o convenio colectivo.
En virtude do acordo asinado por todas as seccións sindicais tanto o paro como as distintas asembleas programadas quedan sen efecto, polo que dende a representación do cadro de persoal agardan que a dirección “faga unha lectura correcta do acontecido neste conflito e cumpra por responsabilidade o pactado nesta mediación en aras de non vernos inmersos noutro conflito que poña por en risco o marco de relacións laborais”.
Entre outras cousas, BorgWarner comprométese a cumprir o establecido a respecto das categorías profesionais e do pago de pluses e a publicar os cuadrantes de todas as persoas traballadoras dos distintos equipos con catro semanas de antelación, así como a deixar sen efecto as modificacións substanciais de xornada levadas a cabo.
Ao mesmo tempo, realizará 27 contratos de traballo indefinidos antes do 30 de abril, 18 seguindo os criterios das últimas transformacións e 9 impostos por resolución da autoridade laboral conforme á normativa legal. Ademais, as partes pactaron derivar o acordo respecto do despedimento do responsábel de prevención á sede administrativa no SMAC que se celebrará o vindeiro 13 de marzo.