Desconvocada a folga en Valoriza Auga tras lograrse un preacordo que permite a recuperación salarial
A asemblea de traballadores de Valoriza Auga acordou esta mañá desconvocar a folga indefinida que dende o pasado 19 de novembro viñan realizando, tras asinarse coa empresa un preacordo de convenio que permite a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos oitos anos, introduce no articulado os dereitos do persoal recoñecidos por sentenza xudicial e asume o compromiso de reincorporar os dous traballadores eventuais que foron despedidos en pleno conflito.
Deste xeito, os traballadores volverán aos seus postos con normalidade esta mesma tarde, pondo así fin a 72 días de folga consecutiva nos que o mantemento da rede de sumidoiros da Coruña estivo funcionando só cos servizos mínimos. Dende a CIG da Coruña sublíñase a determinación do colectivo de traballadores na loita polos seus dereitos, que dende o primeiro día tiveron claro que non ían abandonar a folga até lograr un convenio digno.
Lográronse os obxectivos de recuperación salarial
Sobre o contido do preacordo, a central sindical destaca que se conseguiron os obxectivos marcados de recuperación salarial por enriba do IPC acumulado nestes últimos oito anos, de maneira que, nos catro anos de vixencia do convenio, o persoal terá un incremento total do 7,75% (máis o IPC correspondente a cada ano). Tamén se logrou que parte importante da recuperación se aplicara nos primeiros anos de convenio, polo que neste mes de xaneiro os traballadores xa pasarán a cobrar un 6,35% máis sobre todos os conceptos salariais da nómina.
Tamén se incorpora no articulado do convenio o complemento de tóxicos, penosidade e perigosidade que o persoal tiña recoñecido por sentenza xudicial pero que aínda non fora incluído no marco regulador, e mellóranse as condicións das gardas e do traballo no festivo de convenio. Así mesmo, a empresa comprométese a reincorporar os dous traballadores eventuais cesados en pleno conflito laboral pola súa participación na folga.
Unha loita exemplar
A CIG salienta unha vez máis a valentía e forza demostrada polos traballadores de Valoriza Auga que, aínda sendo un cadro de persoal pequeno, botou un pulso firme a unha filial dunha multinacional como Sacyr, que ten uns beneficios anuais millonarios, pero que pretendía liquidar oito anos de conxelación salarial ofrendo un convenio con subas miserentas. "A disposición e firmeza destes traballadores a pelexar por unhas condicións e uns salarios dignos é un exemplo para toda a clase obreira galega", conclúe a CIG da Coruña.