Desconvocada a folga en Insuíña tras o laudo arbitral que insta a empresa a negociar o convenio colectivo

Xove/Oia - 14 Dec 2022

Os traballadores e as traballadoras de Insuíña acordaron este mércores nas asembleas celebradas en Xove e Mougás (Oia) desconvocar a folga prevista para os días 15, 16 e 17 de decembro. A decisión (que tamén supón a desconvocatoria do paro nas oficinas de Chapela) adóptase despois do laudo arbitral emitido no día de onte, no que o mediador insta a empresa a constituír a mesa e iniciar o proceso de negociación dun convenio colectivo propio, de igual xeito que xa existe noutros centros de traballo do grupo Nueva Pescanova.

Fronte ás pretensións da empresa de ir a un novo pacto de melloras das condicións laborais, no laudo arbitral apóstase pola negociación colectiva estatutaria dadas as garantías, a seguridade xurídica e estabilidade que achega un convenio colectivo. Na resolución tamén se pon en valor que nos pactos asinados coa representación social  en anos anteriores, xa se recollía a vontade das partes de avanzar nun convenio colectivo propio que unificara as condicións dos tres centros de traballo de Insuíña.

De igual xeito, o arbitro apunta como prazo máximo para iniciar a negociación o primeiro cuadrimestre do ano 2023, instando a non demorar a constitución da mesa máis alá dese período. Pois non hai que esquecer que a representación do persoal de Xove e Mougás leva dende o ano 2016 pelexando polo dereito a ter un convenio propio e dende abril do pasado ano apelando a empresa para que sente negociar.

O persoal leva anos reclamando un convenio propio

A finalización do pacto de melloras en 2020, as continuas escusas e a negativa reiterada de Insuíña a iniciar este proceso levaron as traballadoras e traballadores a aprobar un calendario de mobilizacións e a convocar tres xornadas de folga para esta mesma semana, que tería carácter indefinido a partir do día 19.

A representación da CIG en Insuíña subliña que o persoal leva anos coas condicións laborais, económicas e sociais conxeladas e mesmo perdendo dereitos con respecto aos compañeiros e compañeiras do grupo Nueva Pescanova e ao resto do persoal do sector.

Non hai que perder de vista que Insuíña é a única gran empresa dedicada a acuicultura en Galiza rexida polo convenio estatal, que contempla condicións inferiores ás que ten recoñecidas o persoal doutros centros de Pescanova e nin sequera responde ao funcionamento e ao traballo que se realiza nas piscifactorías galegas. De feito, a outra gran compañía do sector, Stolt Sea Farm, réxese por un convenio propio.

Fronte a esta precariedade, exercer o dereito a negociar de maneira directa e en Galiza as súas condicións laborais e salariais é o que reclaman os traballadores e traballadoras de Insuíña. Agora, tras o laudo favorábel as súas demandas, toca seguir na loita para conseguir un convenio colectivo realmente digno.