Desconvocada a folga en Alsa Ferrol tras asinarse un acordo coa empresa que recolle as demandas sociais
A ampla maioría dos traballadores e traballadoras de Maitours (Alsa Ferrol) aprobaron o acordo acadado este domingo coa empresa e, en consecuencia, a desconvocatoria da folga iniciada o pasado 15 de xullo en demanda da aplicación do convenio colectivo sectorial. Chegar a este acordo e dobregar a negativa de Alsa a atender as demandas sociais só foi posíbel grazas á durísima loita sostida polo persoal ao longo de todos estes meses e á súa exemplar capacidade de resistencia.
O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, salienta que logo de máis de catro meses de loita e cunha resolución da Inspección de Traballo que deu a razón ás demandas do persoal, onte conseguíase chegar a un acordo con Alsa Ferrol pola cal dende o 1 de decembro comeza a aplicarlle aos traballadores e ás traballadoras de Maitours as táboas salariais e a antigüidade do convenio provincial do transporte de viaxeiros/as por estrada.
No caso da antigüidade, apunta, no documento estabelécese un período transitorio de xeito que até xuño de 2025 o persoal percibirá o 645% da antigüidade á que teñan dereito; de xuño a decembro cobrarán o 75%; e a partir de xaneiro de 2026 abonaráselles o 100% da contía.
Porén, se neste período se publica o novo convenio provincial (pendente de actualizar) ou a Xunta aproba o equilibrio económico do contrato, o recollido no acordo decae e o persoal pasará a percibir automaticamente o 100% da antigüidade que lle corresponda.
Así mesmo, sinala Pastoriza, o asinamento deste acordo non supón a renuncia da parte social a demandar na vía xudicial os atrasos dende o ano 2023, denunciar aspectos contidos no propio documento ou outros incumprimentos por parte da empresa.
A este respecto, avanza que o próximo luns, día 9, celebrarase nos xulgados de Ferrol xuízo contra Maitours por vulneración do dereito fundamental á folga, a raíz da denuncia presentada pola CIG polas actuacións de esquirolaxe da empresa (contratación de tres persoas para suplir o persoal en folga, modificación de quendas, incumprimento dos descansos, ausencia de negociación co comité de folga para a asignación dos servizos mínimos, etc.).
O representante da CIG quere pór en valor a unidade e a capacidade de resistencia amosada polo persoal de Maitours que, a pesar da negativa da empresa a negociar e do abandono das administracións, foi quen de soster durante máis de catro meses unha folga e acadar un acordo que atende ás súas lexítimas reivindicacións. Para Pastoriza este conflito evidencia que a mobilización dá os seus froitos e que a loita é o único camiño para poder avanzar nos dereitos e na mellora das condicións laborais.