Desconvocada a folga da recollida de lixo en Burela tras acadarse un preacordo de convenio con Urbaser
O pasado venres, despois dunha reunión que se prolongou durante varias horas, a representación do persoal da recollida de lixo e limpeza viaria de Burela e a empresa Urbaser acadaban un preacordo para o convenio colectivo. Isto supuxo a desconvocatoria da folga indefinida que as traballadoras e traballadoras iniciaran o martes 23 de maio e a suspensión do calendario de mobilizacións que tiñan en marcha.
O preacordo supón recuperar a totalidade dos dereitos que o persoal xa tiña recoñecidos no decaído convenio de 2011 e incorporar melloras salariais, laborais e sociais. Entre outras cuestións, explicou Xoán Díaz, secretario da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, recupérase a compensación por traballo en festivos que xa había nese convenio e a maiores introdúcese unha compensación por traballo en domingo.
Recupérase tamén para o todo o persoal o complemento do 100% nas baixas por enfermidade común a partir do 1 de xaneiro de 2025 e até esa data, o persoal que non tiña consolidado ese dereito percibirá o 85%.
En materia económica, pactáronse dúas pagas compensatorias non consolidábeis para os anos 2023 e 2024 (ano no que remata a concesión), e un incremento salarial do 10% para 2025, do 6% para 2026 e do 5% para o ano 2027. Isto supón que a final de convenio as táboas salariais acumularán unha suba do 21%.
Díaz subliña que chegar a este preacordo non sería posíbel sen a unidade e a determinación do conxunto dos traballadores e traballadoras que apostaron pola mobilización e a folga para recuperar dereitos e un convenio colectivo sen o que estaban dende ao ano 2011.
Volver contar cun convenio colectivo en vigor non é unha cuestión menor, tendo en conta que o vindeiro ano remata a concesión e agora os futuros pregos de condicións terán que incorporar o marco regulador, garantíndose desta maneira o mantemento dos dereitos económicos e sociais do persoal cando entre a nova concesionaria.