Desconvocada a convocatoria de folga ao se chegar a un acordo no sector de Eventos
Anúnciase a desconvocatoria da xornada de folga prevista para mañá venres, día 15 de setembro, ao se chegar a un acordo coa patronal do sector de Eventos. O convenio, que previsiblemente será asinado a semana que vén, mellora as condicións salariais e laborais.
O principal avance acadado no acordo é a nivel salarial, xa que se contempla un incremento salarial do 5,7% para 2023, e o IPC, cun mínimo do 3%, para os anos 2024 e 2025.
Canda isto, mellórase a redacción no relativo no relativo a dispoñibilidade e flexibilidade que permite avanzar nunhas tamén mellores condicións laborais.
Ademais amplíase dos 12 aos 14 anos a garda legal, con concreción horaria, e increméntase o plus de quebranto de moeda, ao pasar a cobrar 100 euros ao mes e por xornada, dos 20 actuais a 40 euros o mes.
Con todo, o representante da CIG, Adolfo Naya, denuncia que a delegación do goberno trasladou da Cidade da Cultura, lugar onde estaba previsto celebrar a concentración que coincidía coa xornada de folga convocada para mañá -e que xa non se celebrará, ao desconvocarse por mor do acordo-, á Praza da Constitución ou a Praza Roxa, a quilómetros de onde se celebraba o ECOFIN, “para que as traballadoras e traballadores non molestemos, nin afeemos a xuntanza de ministros de Asuntos Económicos e Financeiros da UE e de América Latina, nin estes poidan saber que hai colectivos que reclaman melloras nas súas condicións laborais e salariais en Galiza”.