Denuncian unha nova agresión ao persoal do centro de saúde de Coia
A Comisión de centro de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo denuncia unha nova agresión ao persoal do centro de saúde de Coia o pasado luns 8 de xullo e reclama a adopción de medidas concretas ante o elevado número de incidentes que teñen lugar neste centro.
Segundo relatan dende a representación do persoal, a agresión iniciouse de xeito verbal e con ameazas e concluíu cunha mampara arrincada da área administrativa. “Este tipo de condutas son habituais neste centro, téndose producido nos últimos meses numerosas situacións que remataron con danos patrimoniais ou e con intimidacións ao persoal. De feito é habitual a asistencia por parte das patrullas da policía”.
Este tipo de condutas están tipificadas como delito por atentado á autoridade
Lembran que a Comisión de centro de Atención Primaria vén demandando que se tomen medidas concretas neste centro dado o elevado número de incidentes que se rexistran, sen que até o momento se teña posto en marcha ningunha por parte da Xerencia da Área Sanitaria.
“Unha vez máis queremos rexeitar os actos violentos nos centros sanitarios e lembrar que este tipo de condutas están tipificadas como delito por atentado á autoridade. Así mesmo, esiximos medidas inmediatas para a protección da saúde das persoas traballadoras deste centro”.