Denuncian temperaturas insoportábeis nos Xulgados de Compostela
O Sector de Xustiza da CIG vén de denunciar as insoportábeis condicións laborais nas que o persoal dos xulgados de Compostela ten que desenvolver o seu traballo por mor das elevadas temperaturas. Aseguran que se superan os trinta graos, temperatura que no terceiro andar xa se acadaba estes días ás 8:20 horas.
A CIG xa solicitou en múltiples ocasións a instalación do aire acondicionado no edificio dos xulgados de Fontiñas, do que aínda carece, tendo que utilizar uns refrixeradores portátiles situados nalgúns xulgados pero que “son claramente insuficientes”.
De seguir así a situación, a CIG-Xustiza de Compostela non desbota paralizar a actividade e que o persoal abandone as instalacións, tal e como xa sucedeu nos Xulgados de Majadahonda en días pasados.