Denuncian que a CRTVG censura a entrega do Premio José Couso de Liberdade de Prensa a #DefendeAGalega
A sección sindical da CIG na CRTVG vén de denunciar publicamente que tanto a Televisión de Galicia como a Radio Galega está a censurar a nova da concesión do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que concede o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. Dende a central sindical felicitan o colectivo por un galardón que recoñece a loita continuada durante case un ano en defensa dun servizo público.
“Como non pode ser doutro xeito, as pequenas batallas individuais e colectivas contan e contarán sempre co apoio da CIG na CRTVG como expresión dun xeito de entender o servizo Público que representa a Corporación”, sinalan dende a sección sindical.
Unha vez coñecida a decisión do xurado, e aínda que a información xa estaba elaborada, a dirección deu orde de non emitila
Salientan o feito de que a plataforma #DefendeAGalega se convertese “nun dos alicerces dese obxectivo básico e vital para a conformación dunha sociedade democrática”, ao tempo que, “por respecto aos principios democráticos”, consideran inadmisíbel a censura da noticia da concesión do premio por parte dos medios públicos.
Critican que a Radio Galega ofrecese nos primeiros boletíns informativos da mañá do sábado información sobre a previsión de que se daría a coñecer o fallo do premio, “mais unha vez coñecida a decisión do xurado, e de xeito incomprensíbel aínda que a información estaba xa elaborada, a dirección deu orde de non emitila e de non tratar o tema en ningún dos seguintes informativos”.
Veracidade, imparcialidade e pluralismo
Entenden que se trata dun “intolerábel” caso de censura informativa que reforza os argumentos de #DefendeAGalega para continuar coas mobilizacións dos #VenresNegros. “A mesma repulsa esténdese á censura exercida pola Televisión de Galicia, que tampouco recolleu nos informativos a concesión do premio”, indican.
Diante disto, dende a CIG-CRTVG chaman a dirección a efectuar unha reflexión sobre unha actuación “que mancha a reputación” do medio público e que non respecta os principios básicos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos no que atinxe á liberdade de expresión e información.
“Esiximos que esa reflexión leve á dirección da CRTVG a non seguir freando a creación das ferramentas profesionais como o Consello de Informativos, un órgano fundamental para velar polo cumprimento dos principios de veracidade, imparcialidade e pluralismo da información”, rematan.