Denuncian que a apertura do centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo farase retirando persoal noutros centros da cidade

A Plataforma SOS Sanidade Pública fai un chamamento a participar na manifestación deste domingo en Santiago para reclamar un atención de calidade
Vigo - 28 Xan 2026

A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área de Vigo denuncia que a posta en marcha do denominado Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia será unha “nova estafa” para a cidadanía, xa que farase retirando persoal doutros centros de saúde da cidade e non vai supoñer un aumento de infraestruturas nin diminución nos cupos de Atención Primaria (AP).

O conselleiro de Sanidade gabábase onte mesmo da apertura do centro, incidindo outra vez nun “novo engano”, xa que o concepto de Olimpia Valencia “quedou reducido” a un centro de saúde ao uso, sen radioloxía nin probas diagnósticas avanzadas que deben ter os centros integrais. 

O concepto de Olimpia Valencia “quedou reducido” a un centro de saúde "ao uso", sen radioloxía nin probas diagnósticas avanzadas que deben ter os centros integrais

Nese sentido, dende a plataforma reiteran a “estafa política” que supón o modelo que o Sergas impón para o Olimpia Valencia. Xa que despois de prometer que a súa apertura suporía un reforzamento dunha AP sobrecargada a causa dos recortes e da falta de persoal “atopámonos cun novo centro que se vai abrir sen realizar case ningunha nova contratación, limitándose a trasladar persoal doutros centros de saúde xa existentes, enfraquecendo aínda máis a súa capacidade asistencial”.

De xeito que o que debera ser unha boa nova para a cidade de Vigo “queda enturbada” tamén polo peche do centro de saúde Nicolás Peña, “malia as promesas da anterior Consellería, que negaba que a apertura do novo centro fose supor o seu fechamento. A dotación completarase mobilizando profesionais doutros centros de saúde, sen que isto supoña unha diminución da carga asistencial, senón un simple movemento de peóns”.

SOS Sanidade fai fincapé en que o cambio de modelo de Atención Primaria da Xunta e do PP supón “un paso máis” no deterioro e desmantelamento da Atención Primaria, centralizando a pediatría de Coia, Colmeiro e Nicolas Peña, en contra dos criterios de sociedades científicas, que defenden que a pediatría faga parte da AP. “Este modelo afonda na ruptura de equipos de traballo e da continuidade asistencial e, así mesmo, atenta contra uns dos elementos angulares da calidade dos sistemas sanitarios como é a accesibilidade, dificultando o acceso da cidadanía á asistencia sanitaria, afastando a atención sanitaria dos domicilios das persoas”.

Rexeitamento profesional

En consecuencia, este modelo conta co rexeitamento das e dos profesionais da sanidade pública e da súa representación sindical, do pleno do Concello de Vigo -que esixiu xa o pasado mes de xullo a súa rectificación (sen o voto en contra de ningunha forza, incluído o propio PP)- e da cidadanía, “como demostrou a masiva mobilización de SOS Sanidade Pública o pasado mes de decembro en Vigo”.

Dende a plataforma lembran que a área sanitaria viguesa ten sido utilizada como “banco de probas” para o despregamento das “peores e máis graves” políticas de recortes e privatizacións. “Padecemos a privatización estrutural da atención hospitalaria de máis de 100 mil persoas en Povisa e un novo Hospital Álvaro Cunqueiro recortado e tamén privatizado e que supuxo un sobrecuste de 470 millóns de euros. E agora asistimos ao intento da Xunta de experimentar en Vigo unha nova forma de precarizar a Atención Primaria co CIS Olimpia Valencia”.

Polo que animan unha vez máis a cidadanía de Vigo a se rebelar contra as políticas de deterioro e privatización e a participar da manifestación nacional en defensa da sanidade pública este domingo 1 de febreiro dende a Alameda de Santiago de Compostela ás 12:00 horas.