Denuncian sobrecarga laboral e abandono das persoas usuarias na área sanitaria de Compostela e Barbanza

A Xerencia adiantou a aplicación do ‘Decretazo’ pechando os centros de saúde os sábados pola mañá para centralizar a atención nos PAC
Compostela - 10 Abr 2026

A CIG-Saúde de Compostela e Barbanza denuncia a sobrecarga laboral do persoal sanitario e o abandono das persoas usuarias da área sanitaria como consecuencia da Xerencia ter adiantado a aplicación do ‘Decretazo’ que establece o peche dos centros de saúde os sábados pola mañá para centralizar a atención nos PAC.

Dende a central sindical lamentan que tras o “éxito organizativo” que se escenificou o pasado sábado día 4 de abril co peche dos centros de saúde que tradicionalmente prestaban asistencia os sábados de mañá e centralizando a asistencia nos PAC, “para este sábado 11 de abril prográmase un novo capítulo deste serial”. 

O persoal viuse impotente para atender tal demanda sen as ratios axeitados para garantir unha asistencia de calidade

Xa que a pesar de que a Secretaría Xeral Técnica asegurou que a medida non entraría en vigor até o 1 de xuño, a Xerencia de Compostela e Barbanza decidiu adiantar a súa aplicación ao 4 de abril, “facendo caso omiso das indicacións do SERGAS e converténdose en pioneira na súa implantación na procura de méritos diante da Consellaría de Sanidade”.

Unha decisión que provocou as protestas das persoas traballadoras, “que se viron impotentes para atender tal demanda sen as ratios axeitados para garantir unha asistencia de calidade”, e incomodidades ás persoas usuarias polas dificultades para achegarse ao novo centro de referencia.

Así, para concellos como Touro, Oroso, Boqueixón, Vedra e Teo, o seu novo centro de referencia é o PAC de Santiago. “Xa non é o tempo que se perda no traslado, senón que hai que sumarlle o tempo de agarda en ser atendido e volver ao seu domicilio. Todo isto cando en moitas ocasións o taxímetro sigue correndo e facturando”, sinalan dende a CIG-Saúde.

Menos persoal

Ao tempo que lembran que o número de profesionais que atendían os centros de saúde era moi superior ao que prestou asistencia o pasado sábado e ao que o fará mañá, polo que as ratios dispostas para a atención no PAC é claramente insuficiente. Isto tradúcese no colapso asistencial, sometendo as persoas traballadoras e usuarias a situacións “inadmisíbeis e intolerables” dentro dunha administración pública “que debera prestar unha asistencia sanitaria de calidade e proporcionarlle ás persoas traballadoras seguridade e saúde nos postos de traballo”. Idénticas problemáticas estanse a vivir en concellos como Carnota -que centraliza no PAC de Muros-, Mazaricos -no PAC de Santa Comba- ou O Porto do Son -no de Noia-.

“É sorprendente que anuncien a demora da medida até o mes de xuño mentres pola porta de atrás e sen previo aviso a apliquen nesta área sanitaria, cando no resto do ámbito SERGAS non se está a facer”, censuran na central sindical.

Neste senso, entenden que se trata dunha decisión “cando menos desleal” coas persoas traballadoras, “xa que anuncian unha cousa é fan a contraria”. Pero consideran aínda máis grave as repercusión sobre unhas persoas usuarias “sufridoras ao mesmo nivel da improvisación e malversación do crédito público que ten que ter unha institución como a área sanitaria de Compostela e Barbanza”.