Denuncian a precariedade laboral do persoal de FROIZ polos incumprimentos do convenio colectivo

A CIG-Servizos concentrouse diante do supermercado que a cadea ten na Praza do Toural
Compostela - 13 Dec 2024

A CIG-Servizos concentrouse esta mañá diante do Froiz da Praza do Toural, para denunciar a precariedade que sofre o persoal desta cadea de supermercados por mor dos reiterados incumprimentos do convenio colectivo.

Lucía Freire, representante da CIG-Servizos explicou que un dos graves problemas do persoal é a sobrecarga de traballo, provocada pola non cobertura de baixas, vacacións e ausencias en xeral que, “pola falta de planificación e previsión da dirección da empresa, obrigan ás traballadoras e traballadores a asumir o traballo das e dos compañeiros ausentes”.

Freire alerta de que esa sobrecarga de traballo está, á súa vez, provocando enfermidades músculo-esqueléticas, psicolóxicas, estrés e ansiedade. Xunto a isto asegura que, “as persoas que están de baixa por IT teñen que soportar presións por parte do departamento de Recursos Humanos que presiona ás traballadoras e traballadores para que reduzan as súas baixas sen a máis mínima consideración sobre o seu estado de saúde”.

Novas tarefas non compensadas

A CIG-Servizos denuncia ademais que non se están a compensar as novas tarefas de limpeza das instalacións, malia a sección sindical ter solicitado o pagamento dun “plus de limpeza” que a empresa se nega a pagar a pesar de non figurar entre as súas funcións iniciais.

A central sindical rexeita a actitude de Froiz por negarse a conceder licenzas retribuídas ou días de asuntos propios, poñendo mesmo impedimentos nalgúns centros para coller as vacacións de verán ou a negativa da empresa a cumprir os acordos de promoción automática, abono de horas extra e de transparencia á hora de aboar as comisións.

Todo isto supón un flagrante incumprimento do convenio colectivo que está a provocar a precarización do persoal nun sector no que as condicións, tanto salariais como laborais son xa, de por si, precarias.

Por iso, con esta mobilización a CIG reclama unha solución inmediata por parte de Froiz, o escrupuloso cumprimento do convenio e que se garantan unhas condicións laborais dignas para todo o persoal.