Denuncian a modificación unilateral das condicións de traballo do persoal da área sanitaria de Vigo
A CIG-Saúde de Vigo solicita o cese inmediato das recentes actuacións da Xerencia da área sanitaria de Vigo contra o cadro de persoal, consistentes en modificar de xeito unilateral as súas condicións de traballo. En concreto, denuncian a suspensión de días de permiso e libre disposición ou cambios de quendas que se comunican “de xeito talmente informal” e sen informar a representación legal dos traballadores/as.
Para a central sindical, estas modificacións das condicións de traballo sen a debida comunicación formal ás lexítimas/os representantes das traballadoras/es e sen a preceptiva negociación previa “constitúen unha violación dos dereitos laborais do persoal”.
Ao mesmo tempo, denuncian que as comunicacións estanse a realizar de xeito totalmente informal, “cunha simple mensaxe de whatsapp ou similar”, o que provoca a inseguridade das persoas afectadas en relación coa obrigatoriedade e legalidade da medida, “tendo en conta que algunhas destas medidas consisten en suprimir días de permiso previamente concedidos e cambios en quendas fixas”.
Dereito de conciliación
Ademais, estes cambios están a ocasionar prexuízos económicos para as persoas afectadas (anulación viaxes contratados, contratacións de persoas para atender menores ou maiores dependentes, etc). “O persoal ten demostrado sobradamente o seu compromiso co seu labor asistencial, mais esta Xerencia unha vez máis abusa deste compromiso e non garda as formas coas persoas traballadoras e vulnera o seu dereito a conciliar a vida laboral e persoal”.
Por todo isto, dende a CIG-Saúde esixen unha rectificación por parte da Xerencia da área sanitaria viguesa e demandan respecto cara ao seu persoal.