Denuncian falta de información sobre a organización dos centros de saúde vigueses no verán
A Comisión de Centro da área sanitaria de Vigo denuncia a falta de información sobre a organización dos centros de saúde no verán, malia tela solicitada de forma reiterada a información dende hai meses. A representación do persoal amosa a súa preocupación porque esta situación se dea nun contexto marcado polo feito de que este ano a formación das persoas MIR Especialistas en Medicina de Familia e Comunitaria remata en setembro, “polo que as substitucións dos permisos e baixas van estar limitados e condicionados”.
Sinalan que a información que chega de distintos centros -pero que a día de hoxe está sen confirmar pola Xerencia cando xa nos atopamos en período vacacional- é que a reorganización dalgúns centros pasaría polos peches de tardes ou pola atención pediátrica concentrada en quendas de mañá.
E advirten que a falta de substitución do persoal non só afecta ao colectivo medico, senón que no colectivo de enfermería non se substitúen a totalidade dos permisos.
“De confirmarse o peche de centros en quendas de tarde a reorganización afectaría a outros colectivos dos propios centros de saúde, e tamén implicaría aos Puntos de Atención Continuada (PAC), que absorberían a sobredemanda”, rematan.