Denuncian a concesionaria do servizo de axuda a domicilio e o Concello de Ourense por falta de medidas de protección
A CIG presentou unha denuncia contra Atendo Calidade, concesionaria do servizo de axuda a domicilio do Concello de Ourense, e contra o propio Goberno local, por vulneración da normativa de prevención de riscos laborais. A central reclámalles que entreguen prendas de traballo e equipos de protección suficientes ao persoal para evitar contaxios.
A central remitiulle un escrito á Inspección de Traballo, á Consellaría de Sanidade e á Subdelegación do Goberno en Ourense sinalando a responsabilidade da empresa e do Goberno local sinalando a falta de seguridade coa que desenvolve o seu labor o persoal deste servizo público esencial. “As traballadoras/es segue sen ter medios de protección, nin suficientes nin eficaces, contra o novo coronavirus”.
O persoal segue sen ter medios de protección suficientes nin eficaces contra o coronavirus
Aínda que a raíz das denunciadas presentadas con anterioridade tanto pola CIG como por outras organizacións a empresa foi facendo entrega de prendas e EPI, “non o fixo na cantidade necesaria (máis domicilios por auxiliar que prendas) e tampouco coa eficacia mínima esixíbel en canto a protección contra a posibilidade de contaxiar ou seren contaxiadas”.
Tests para o persoal
Tamén sinalan que o Concello siga a dar altas de usuarios/as, algúns deles/as con diagnóstico confirmado de positivo en Covid-19. “Por outra parte, descoñecemos se pode ou non haber traballadoras/es que teñan contraído o virus e non presenten síntomas, polo que tamén se pon en situación de risco de contaxio ás persoas usuarias do servizo, que conforman na súa totalidade un dos grupos de maior risco”, indican no escrito de denuncia.
Finalmente, reclaman que se lles faga un requirimento urxente á empresa e ao Concello para que entreguen as prendas de traballo e equipos de protección suficientes e eficientes para garantir a saúde e integridade de traballadoras/as e usuarios/as. Así mesmo, solicitan a realización de tests a todo o persoal, “a fin de coñecer se puidera haber persoas contaxiadas pero asintomáticas que poidan poñer en situación de perigo ás persoas maiores usuarias do servizo”.