Adolfo Domínguez vai aplicar un novo ERTE sen aceptar as propostas do persoal
Dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncian que Adolfo Domínguez pretende aplicar unilateralmente un novo ERTE baseado en razóns organizativas e produtivas, unha vez finalizado o actual por causa de forza maior, sen aceptar ningunha das propostas achegadas pola representación do persoal.
Segundo explican dende a central, como consecuencia reduciríanse 35 postos de traballo e suspenderíanse os contratos de 940 empregados/as no conxunto do Estado español, incluíndo todas as tendas e os servizos centrais do Polígono de San Cibrao.
A duración que a empresa pretende estenderíase até o 30 de xuño de 2021, polo que a partir do 1 de xaneiro dese ano o persoal pasaría a percibir só o 50% da base de cotización, “ante a negativa rotunda da empresa de complementar economicamente esta prestación”.
E isto é así porque despois de numerosas reunións da comisión negociadora, o período de consultas chegou ao seu fin sen acordo. “A representación da empresa negouse a aceptar a práctica totalidade das reivindicacións que a representación sindical puxo enriba da mesa: nin recuperación do 50% das vacacións e pagas extras non xeradas por estar en situación de regulación temporal, nin a achega dun complemento salarial que rebaixara a perda económica das traballadoras por estar cobrando prestacións do 70% da base de cotización”.
Adolfo Domínguez aceptou unicamente que a duración da medida non pode ir máis alá do 31 de decembro. “Como non podería ser doutra maneira, pois a propia negociadora da empresa recoñeceu que o que primaba ante todo era abrir a totalidade das tendas canto antes, e poñer a produción a pleno rendemento para abastecelas”, sinalan dende a CIG. Ademais, durante as negociacións a empresa apuntaba como cesións cuestións recollidas no Real Decreto 8/2020 como a fomento do teletraballo ou a protección das persoas pertencentes aos grupos de especial risco.
Custe sobre as persoas traballadoras
“En resumo, Adolfo Domínguez non quixo chegar a un acordo, porque a súa única pretensión desde o primeiro momento foi que o custe económico e social desta tráxica situación recaera nas persoas traballadoras”, denuncian.
Diante disto, dende a central esixen celeridade na apertura de tendas e na posta en marcha da produción a fin de poder reincorporar o persoal no menor tempo posible. “Máis aínda tendo en conta que, de non producirse cambio legal algún, a partires do 30 de xuño comeza a correr o tempo de paro que imos consumindo, e a prestación baixaría, de se prolongar o ERTE, ao 50% desde o 1 de xaneiro de 2021”. Por último, reclaman da empresa que non recorra á adopción de “medidas de castigo” como a prolongación da duración do ERTE.