
Denuncia penal contra o Estado e a Xunta polas mortes nas obras do AVE en Ourense

A CIG vén de presentar unha denuncia penal no Xulgado de Instrución de Verín contra o Ministerio de Emprego e a Consellaría de Economía, Emprego e Industria por prevaricación e delitos contra os dereitos dos traballadores/as polo “desleixo absoluto” á hora de evitar os graves accidentes, varios deles mortais, ocorridos nas obras do AVE na provincia dende 2013.
Na central están “fartos/as de acudir a organismos que se pasan a pelota duns a outros”, polo que reclaman a apertura de dilixencias de investigación contra os responsábeis do que poderían constituír varios delitos contra a seguridade dos traballadores/as e de prevaricación administrativa.
Dende a Unión Local de Verín e A Limia da CIG lembran que formularon múltiples denuncias administrativas diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) e da Subdelegación do Goberno en Ourense “sen obter máis resultados que promesas de analizar a sinistralidade na zona e mesmo declaracións de incompetencia, por parte da ITSS, para poder acceder aos túneles do AVE”.
Segundo explican, nas obras da alta velocidade que se executan nos treitos entre os concellos da Gudiña e Vilar de Barrio a concentración de accidentes de traballo, mesmo mortais, é de tal magnitude que revela “no só un deficiente funcionamento dos servizos públicos, senón un desleixo absoluto no cumprimento das normas de seguridade laboral e dereitos dos traballadores/as por parte das empresas adxudicatarias das obras e das Administracións públicas concedentes e na responsabilidade in vigilando da esixencia dese cumprimento por parte dos órganos gobernamentais de inspección e seguridade no traballo da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta e do Ministerio de Emprego”.
Catro operarios mortos nos últimos catro anos
Nas obras de construción do AVE na provincia de Ourense producíronse nos últimos anos, como mínimo, os seguintes accidentes de traballo graves:
-O 2 de abril do 2013 morre un enxeñeiro de 37 anos atropelado nun dos túneles do Concello de Vilar de Barrio.
-O 17 de xuño do 2014 morre un traballador de 42 anos ao caer dunha pa escavadora no treito da Gudiña a Vilariño de Conso.
-O 5 de agosto do 2014 un incendio no túnel do Corno (no Concello de Vilar de Barrio), producido ao pé dun depósito de detonadores de explosivos, provoca a intoxicación e evacuación de 13 traballadores/as.
-O 7 de xullo do 2015 a CIG denuncia na ITSS e na Subdelegación do Goberno en Ourense a realización de xornadas maratonianas, o que explicaría a sucesión de accidentes de traballo.
-O 15 de setembro do 2015 un traballador de 31 anos morre e outro fica ferido grave ao caer dende un canastro de traballo no treito Prado-Cerdedelo.