Demandan do SERGAS información sobre EPIs, evolución da enfermidade e a diminución dos riscos de exposición á enfermidade

Posición da CIG-Saúde sobre a xestión da crise do Coronavirus
Nacional - 23 Mar 2020

A CIG-Saúde remitiu esta mañá un escrito á consellaría en demanda de información para coñecer a situación real dos stocks de EPIs; coñecer a evolución real do curso da infección; solicitar a diminución dos riscos de exposición das e dos profesionais; demandar contratos de maior duración para garantir dispoñibilidade e formación; solicitar o establecemento dun procedemento claro e rápido de persoal sensible por causas de saúde e que se aumente o número de probas de COVID-19.

Reproducimos de seguido as súas demandas:

1.-Coñecer a situación real do stock de EPIs.

CIG-Saúde demanda da Conselleira de Sanidade toda a información sobre a situación actual e previsións de futuro sobre a dispoñibilidade de Equipos de Protección Individual. Mais alá de pedir confianza, a Consellería ten que trasladarnos toda a información para coñecer a situación real.

A sensación é de que estamos aplicando, desde o principio, as medidas que propón o Ministerio de Sanidade para casos de indispoñibilidade de EPIs.

A Conselleira de Sanidade ten a responsabilidade de garantir a dispoñibilidade de EPIs onde un traballador ou traballadora o necesite. Ter a sensación constante de estar sendo cuestionados por reclamar os equipos axeitados para cada actividade que se realiza no ámbito sanitario non fai máis que incrementar o nivel de ansiedade e desprotección entre as traballadoras e traballadores.

Vemos diariamente a profesionais de ámbitos non sanitarios con EPIs mais "completos" que os que se usan no ámbito sanitario, cando o nivel de exposición ao risco de contaxio non é comparable, basta con ver a alarmante porcentaxe de profesionais da sanidade con COVID-19 positivo.

A Consellería de Sanidade debe garantir que as medidas de protección deben ser aplicadas ao persoal das empresas contratadas que traballan nos hospitais e centros de saúde, en igualdade de condicións que ao persoal do SERGAS. Temos que ter en conta a importancia deste tema no persoal de limpeza, que realiza un traballo moi próximo as persoas enfermas e que é chave na contención dos contaxios.

O nosa intención é defender un uso racional do material de protección atendendo ás recomendacións científicas, e así o estamos a facer, pero queremos ter a garantía de que calquera profesional que precise un EPI para atender a un paciente poda acceder a el.

Se non se pode asegurar que as e os profesionais dispoñen de EPIs completos para asegurar a súa saúde e manter a garantía asistencial, tamén queremos sabelo, para tomar as medidas que creamos oportunas para intentar reverter esa situación.

2.-Coñecer a evolución real do curso da infección.

A información xeral é unha cousa, a que precisa a representación sindical é outra, hai decisións que se toman que dependen da situación e precisamos ter toda a información, especialmente a relacionada cos profesionais afectados e illados e os protocolos actuais do seu manexo.

CIG-Saúde quere manifestar a súa preocupación pola falta de información sobre o que está a ocorrer coas traballadoras e traballadores afectados polo COVID-19, ben por ser positivos ou ben por ter estado en contacto con persoas que foron positivas.

Reclamamos un protocolo claro e especifico para o estudo e diagnóstico de casos posibles entre profesionais, e un protocolo que defina as medidas a tomar cos contactos dos casos pendentes de confirmación e confirmados. Nese protocolo deben aparecer perfectamente definidos os criterios dos contactos estreitos dun caso posible ou confirmado e as medidas a tomar en función da actividade profesional do contacto.

Tamén reclamamos información diaria do número de casos positivos entre o persoal do SERGAS para COVID-19, indicando área sanitaria, unidades e servizos onde traballan e información da fonte do contacto de ser coñecida e o número de contactos illados en función do protocolo anterior.

Temos dúbidas razoables se o número total de afectados reflicte a realidade da expansión da pandemia ou está condicionado por un protocolo estrito do persoal que responde ao número 900400116 e a dificultade de acceso ás probas diagnósticas.

  1. Diminuír o risco de exposición de profesionais.

Solicitamos da Consellería de Sanidade que valore a posibilidade de diminuír o número de profesionais que acoden a traballar, identificando a aqueles que teñen carga de traballo asignada e/ou formación.

Os demais quedarán nun segundo plano realizando labores de apoio e completando formación, e os que sexa posible tele traballando ou agardando, libres de exposición ao virus, para participar en quendas rotatorias que permitan manter a unha parte do persoal con garantía de seguridade de non transmisión do virus.

  1. Contratos de maior duración para garantir dispoñibilidade e formación.

CIG-Saúde reclama que se poña fin aos contratos por días de persoal que sabemos que será necesario. Demandamos realizar contratos de acúmulos renovables do persoal que será necesario para xestionar esta crise e realizar formación en seguridade.

  1. Coidar ás que coidan.

Establecer un procedemento claro e rápido de persoal sensible por causas de saúde.

Detectamos a falta de medidas coas embarazadas, persoal especialmente sensíbel, que son obrigadas a permanecer en servizos que son referencia de COVID-19 ou servizos con alta probabilidade de contacto. Solicitamos que se busquen postos exentos de risco e de non ser posible sexan tramitados permisos de risco no embarazo.

Establecer un protocolo de actuación especifico para o persoal con febre e/ou síntomas respiratorios.

Aplicar criterios de realización da proba do COVID-19 as/os profesionais diante da mínima dúbida.

6.-Incrementar o número de probas de COVID-19

A Consellería de Sanidade ten que garantir a dispoñibilidade de probas diagnósticas para cumprir coas solicitudes que reiteradamente fai a OMS, cantos máis probas fagamos mellor controlaremos os contactos.

Hai que realizar máis probas as profesionais da sanidade para detectar o antes posible os casos e evitar o contaxio entre profesionais e entre profesionais e pacientes.

Para facilitar a xestión dos servizos de urxencias dos posibles casos, e permitir que poidan ser trasladados con seguridade, solicitamos que se valore a posibilidade de facer probas de COVID-19 en horario nocturno ás persoas que acudan aos servizos de urxencias, se identificamos pronto os resultados negativos minimizaremos o gasto de EPIs.