Demandan compensacións para os/as mariscadores/as e unha comisión de seguimento do dragado
Representantes da Mesa da Ría, integrada por concellos da comarca, a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo, a Universidade da Coruña e a Confraría de Pescadores da Coruña asinaron esta mañá unha declaración, solicitando do Goberno español e da Xunta que se acorden as compensacións para os mariscadores e as mariscadoras que verán paralizada a súa actividade durante os traballos do dragado da ría e para demandar tamén a constitución da comisión de seguimento con carácter previo ao inicio das obras.
A declaración foi dada a coñecer en rolda de prensa este martes e na comparecencia participaron Manuel Baldomir, representante do colectivo de marisqueo a pé, Jesús Vázquez, vicepatrón maior da Confraría da Coruña, José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo, Esther Fontán e Patricia Parceiro, concelleiras de Medio Ambiente do Concello da Coruña e de Cambre, respectivamente, Paulo Carril, en representación da Plataforma, e Julio Abalde, reitor da UdC.
Balmodir, que fixo as voces de portavoz, explicou que o Concello de Oleiros (malia estar na Mesa da Ría) acordou non sumarse a esta declaración, a través da que se pide tanto ao Goberno español como a Xunta de Galiza que aclaren quen ten as competencias e a quen lle toca asumir as compensacións para os mariscadores e mariscadoras polas perdas económicas, "porque non poden deixarnos tirados sen un céntimo para levar para a casa. Teñen que buscar solucións e non seguir botándose a responsabilidade uns a outros".
A este respecto, Baldomir lembrou que a actividade marisqueira quedará paralizada mentres duren os traballos do dragado polos riscos que supón; polo que piden que as contías das axudas económicas se calculen pola base reguladora que están obrigados/as a cotizar e que estas compensacións se manteñan "mentres non se garantan as condicións óptimas para a práctica do marisqueo con total normalidade".
De igual maneira, no escrito demándase que se atenda a alegación formulada pola Mesa da Ría a respecto da necesidade de constituír, con carácter previo ao inicio das obras, unha comisión de seguimento na que estean representadas as entidades implicadas e os axentes sociais que poidan verse afectados polo proxecto de dragado.
Manuel Baldomir explicou que estas dúas demandas foran formuladas pola Mesa da Ría a través das alegacións ao proxecto, mais non se tiveron en conta. Por iso, e ante a próxima licitación, dende os colectivos "intentamos ter unha xuntanza coa conselleira do Mar, o delegado do Goberno e Demarcación de Costas, pero non apareceu ninguén e non se puxeron en contacto con nós para abordar estas problemáticas. A Xunta ten que asumir as competencias e velar polos intereses dos galegos e as galegas; forma parte das súas obrigas chegar a un acordo co Goberno estatal para entre ambas administración concretar e apoiar estas reivindicacións que facemos", aseverou.
E neste senso, dende a Mesa da Ría agardan que tanto o Goberno español como o galego atendan estas dúas demandas "e que o fagan antes de que as máquinas comecen a traballar".