Delegados/as da CIG nas ambulancias protestan diante de Ambuiberica en Vigo polos incumprimentos da empresa
A mobilización, na que participaron representantes sindicais da FGAMT-CIG nas ambulancias da Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago , desenvolveuse diante das instalacións da empresa na rúa Colombia de Vigo de 11.30 a 12.30 horas. Alí despregaron unha faixa contra a precariedade no sector e berraron consignas para reclamar unha solución ao conflito laboral.
Dende a FGAMT-CIG explican que os empregados/as do sector denuncian os problemas que padecen a causa dos incumprimentos da empresa na aplicación do convenio colectivo, sobre todo en materia de saude laboral, polas deficiencias en canto á desinfección e limpeza dos unifermos de traballo e das bases.
Trátase dun problemática que se reproduce nas distintas zonas onde Ambuiberica ten a concesión das Urxencias do 061 nas provincias da Coruña e Pontevedra, entre elas Vigo e o Baixo Miño. De feito, o cadro de persoal da área sanitaria de Santiago xa desenvolveu protestas polos mesmos motivos con anterioridade.
A intención dos traballadores/as é continuar coas mobilizacións nas vindeiras semanas, sen descartar incluso a convocatoria dunha folga no servizo, xa que a súa preocupación vai en aumento despois de coñecer que a empresa -á que a CIG ten sinalado pola súa vinculación ao PP- opta tamén a facerse coa xestión dos servizos non urxentes do 061.