Delegados/as da CIG na automoción mobilízanse diante da empresa Antolín en Vigo para denunciar a precariedade no sector
“Non á precarización na automoción”, “Somos traballadores/as e non mercadorías”, “Dereitos conquistados non poden ser roubados” ou “Non á represión na automoción” foron as consignas que máis se repetiron durante a mobilización convocada pola CIG-Industria de Vigo ás portas da empresa Antolín no polígono industrial de Valadares. Arredor dun cento de delegados/as da central despregou unha faixa diante da compañía na que se podía ler “Contra as ameazas da patronal. Emprego e salarios dignos no sector da automoción”. A protesta prolongouse case unha hora entre as 11.00 e as 11.45 horas.
Dende a CIG-Industria de Vigo explicaron que coa protesta, que fai parte da campaña de mobilizacións convocadas a nivel comarcal para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, pretenden denunciar a crecente problemática que padecen os traballadores/as do sector. “Temos que parar as medidas que pretenden levar adiante as empresas nos novos convenios, no sentido de introducir rebaixas salariais, aumentos de xornada, novas categorías de entrada e ritmos de produción máis altos”, indica Xulio Fernández, secretario comarcal da federación.
O responsábel sindical denunciou tamén a represión sindical e a chantaxe que están a facer as direccións das compañías coa escusa de lograr máis carga de traballo e amosou a súa preocupación porque o ERE que vén de presentar PSA Citroën teña repercusións negativas o resto de empresas da automoción.
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, animou a todas as persoas presentes na protesta a participar na manifestación convocada pola CIG na cidade este xoves para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega e incidiu na necesidade de defender os dereitos laborais e sociais na rúa ante a grave situación económica que padece a bisbarra.