Delegados e delegadas da CIG-Industria maniféstanse en defensa do sector e do emprego en Galiza
Delegados e delegadas da CIG-Industria percorreron este mércores as rúas de Compostela, desde a facultade de Dereito da USC até a Xunta en defensa do sector industrial e, nomeadamente, de sectores estratéxicos para a economía galega como o da industria electrointensiva, o sector naval ou o sector da automoción.
A mobilización desenvolveuse ao remate dunha masiva asemblea nacional na que se debateron as alternativas que a CIG vén defendendo nas institucións e nas rúas e que foron presentadas nas comarcas polo secretario nacional Xoán Xosé Bouzas, María Xosé García, responsábel de automoción, Xulio Moscovich, responsábel do sector das electrointensivas e Mercedes Domínguez, secretaria de Organización da federación.
Na asemblea, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a tomar as rúas, o vindeiro 1º de Maio, para exixir “un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise e coas que vemos medrar a pobreza laboral, a perda do poder adquisitivo dos salarios e o aumento da desigualdade social”.
Retratou a grave situación na que se atopa a clase traballadora galega, onde “un 32% de traballadores/as non chegan ao SMI, aos 700 euros e máis de 302.000 traballadores e traballadoras menores de 36 anos non chegan ao salario medio anual galego que, xa de por si, está 15,5 puntos por baixo da media estatal”.
Denunciou as novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais: falsos autónomos, empresas multiservizos, ETTs ou centros especiais de emprego, entre outras que “están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un afondamento das discriminacións de xénero”. Mais tamén que o 71% da ocupación é no sector servizos, “paradigma das contratacións temporais, das contratacións que duran horas, semanas, máximo 1 mes”.
20.000 traballadores/as menos na Industria en 10 anos
Fronte a isto, o secretario xeral da CIG denunciou que porén, no sector industrial, desde 2009, hai 20.000 persoas menos traballando. Por iso considerou “crítica” a situación xeral, máis coa crise da industria electrointesiva (Alcoa ou FerroAtlántica de Cee e Sabón); co ERE de Citröen ou os EREs da industria auxiliar do automóbil; o anuncio do peche de Poligal e da Central Térmica de Meirama. Todos eles “exemplos do proceso de desertización industrial que desde hai anos veñen provocando as políticas neoliberais, executadas sen miramentos, polo Goberno galego, polo Goberno español, sexan estes do PSOE ou do PP”.
Acusou ao goberno español de “marxinar” e “desprezar” a Galiza, como “evidenciou co Proxecto fallido de Orzamentos do Estado para 2019 que PSOE e Podemos tiñan acordado” e ao goberno de Pedro Sánchez, de non ter “intención real de cambiar estas políticas, nin as das nocivas reformas laborais, nin as das políticas económicas neoliberais que manteñen este sistema de economía especulativa, negador da economía produtiva, que para nos significa desmantelamento da nosa industria, deslocalización de empresas ou a entrada a saco de Fondos de Investimento estranxeiros en sectores clave da nosa industria galega”.
“Postureo” do Presidente da Xunta
Carril cualificou de “postureo, a actitude do Presidente da Xunta que “vive acomodado no seu papel de servil criado a estas políticas antisociais e antigalegas que veñen de Madrid e Bruxelas, aínda que disfrazado nun discurso fraudulentamente crítico contra o Goberno de Madrid, como se el fose alguén que acaba de chegar, que non ten responsabilidades no que está a suceder”. Denunciou que coas súas accións “está a demostrar que non ten vontade de facer nada para evitar o dano que están a provocar estas políticas neoliberais, nin para frear a grave emerxencia nacional e social” que atravesa Galiza.
Acusou ademais a Feixóo de ter cada día “máis complexos e máis vergonza de ser galego” e denunciou que está máis preocupado en envolverse na bandeira de España para competir con VOX e Ciudadanos “para ver quien es mejor español mentres se nega a exercer nin unha soa das competencias que ten como Goberno”.
Denunciou que, en todo caso, cando as exerce “é para aprobar duras políticas en favor das multinacionais e dos fondos de inversión” promovendo privatizacións e recortes nos servizos públicos ou facilitando, a través da chamada Lei de Fomento Empresarial e das súas Políticas Industriais, “ser competitivos a través de termos baixos salarios, de que se expolien os nosos recursos enerxéticos e naturais para favorecer o emprego e a industria doutros territorios do Estado español, mentres en Galiza, a perda de emprego, e a constante emigración, especialmente da nosa mocidade, están á orde do día”.
Colaboración de Xunta e patronal ante a crise industrial
Paulo Carril denunciou tamén a colaboración da Xunta e a Patronal, coa sua pasividade, ante esta grave situación industrial que temos en Galiza. “Calan ante a negativa da inversión en Meirama de Naturgy, de Fenosa, co que representa no noso País; quedan de brazos cruzados ante o que sucede en Alcoa e FerroAtlántica, resístense a actuar no conflito de Poligal” dixo, mais denunciou que, porén “utilizan a probremática de ENCE como cortina de fume á sua submisión a ENCE, para seguir negándose a conseguir un transalado das actuais instalacións para a continuidade dos postos de traballo, nunha industria que peche e complete o proceso produtivo en Galiza e con ilo tamén teñamos unha auténtica industria de transformación da nosa masa forestal”.
Combate, resistencia e propostas
Fronte a esta situación asumiu a responsabilidade de tomar a inciativa, “na nosa mellor tradición de loita e combate, combinamos a resistencia coa capacidade de facer propostas”, entre as que salientou o Programa da CIG en materia laboral e social; as 100 Medidas para a Criación de Emprego en Galiza; a Proposta para unha Tarifa Eléctrica Galega ou as medidas para a xestión pública dos salatos e aproveitamentos hidroeléctricos en Galiza, todas elas Iniciativas Lexislativas Populares promovidas pola CIG.
Xunto a isto defendeu un Plan de industrialización desde o sector público que “potencie e vertebre a industria galega, que priorice as inversións feitas por forzas sociais galegas fronte ás inversións estranxerias”. Unha industrialización, explicou, na que a explotación dos moitos recursos que temos dispoñíbeis no noso País estean ao servizo de crear emprego, completar os ciclos produtivos, aumentar o valor engadido en sectores básicos da nosa economía, diversificar as nosas capacidades industriais, procurar un mellor equilibrio territorial e medioambiental e “ao servizo dunha rendabilidade social e non privada”.
Propostas que considerou que sentarán as bases para un desenvolvemento económico e social que xeraría valor engadido, evitaría a destrucción de emprego e a emigración, consolidaría o respecto polos direitos laborais e a mellora das condicións de traballo.
En todo caso considerou que para que se materialicen estas propostas todo pasa porque haxa unha correlación de forzas favorabel, “que haxa vontade política de apostar pola soberanía, pola nosa capacidade de decidir”, fronte o “fracaso o fracaso do sistema autonómico español” que chamou a superar “xa que se ten monstrado claramente contrario á clase traballadora galega, conducíndonos á consolidación dunha situación social, sen saída, sen posibilidades de avanzar en direitos nen na criación de emprego digno”.
Considerou que as próximas convocatorias electorais son unha oportunidade cambiar esta realidade e que ese cambio pasa porque “creamos nas nosas proprias capacidades colectivas como clase traballadora e como pobo galego”. Por iso chamou a “ser conscientes de que as saídas para o noso futuro pasan por apostar nas forzas políticas proprias, autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas, de teoría e de acción, que defendan os nosos intereses como clase traballadora galega, sen complexos de nengún tipo e sen sumisións a Madrid”.
Mais tamén advertiu de que para poder avanzar “dependemos da nosa capacidade de nos organizar e mobilizar socialmente, de intensificar a loita obreira e popular, porque é desde onde debemos seguir dando a resposta para forzar os cambios necesarios para conquistar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”, concluíu.