Delegados/as de Navantia reclámanlle á SEPI que se implique na negociación do convenio e o plan industrial
Delegados e delegadas de Navantia levaron este mércores as protestas por un convenio digno e un plan industrial de futuro até ás portas da mesma SEPI e a central da empresa pública en Madrid. A protesta foi convocada por acordo maioritario do comité intercentros, do que se descolgou CCOO, e no marco desta, a representación do persoal fixo entrega dun escrito á dirección da SEPI e de Navantia reclamando retomar as negociacións e avanzar na procura dun acordo.
Esta concentración irá acompañada de novas accións de protesta nos estaleiros de Ferrol e neste senso, a sección sindical da CIG defende manter e intensificar as mobilizacións para lograr un convenio xusto e un plan industrial que contemple os investimentos e infraestruturas que precisan as instalacións da Ría para garantir a actividade no futuro.
Lembran que as asembleas de persoal de Fene e Ferrol rexeitaron de maneira contundente as propostas de Navantia, polo que a empresa pública debe seguir nas negociacións e avanzar nas súas ofertas para achegar posturas e conseguir un acordo. Neste sentido, no escrito rexistrado hoxe, solicítase da SEPI que se implique neste proceso e que inste a Navantia a retomar as conversas do Plan Estratéxico e do convenio colectivo.