
Delegados/as da CIG no transporte de mercadorías da Coruña reclaman un convenio digno e constituír xa a mesa de negociación

Delegados e delegadas da CIG no transporte de mercadorías concentráronse este martes diante da Confederación de empresarios/as da Coruña para reclamar un convenio colectivo digno e que a patronal provincial non demore dous anos a constitución da mesa negociadora, como fixo no anterior convenio.

O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, sinalou que a central sindical xa convocou a mesa para o próximo mes “e agardamos que a patronal sente”. Ademais de reclamar a actualización do convenio provincial, Pastoriza indicou que con esta protesta quérese trasladar a mensaxe de que esta negociación “non vai ser como as anteriores, o sector mudou e está en disposición de mobilizarse. Non imos pasar por outro convenio de miseria”, aseverou.
Pastoriza lembrou que neste período CCOO perdeu a maioría absoluta da representación, sendo a CIG agora a segunda foza a tan só “tres delegados/as”. Un cambio de representatividade que atribuíu á reacción do persoal ante o pésimo convenio negociado hai tres anos.
Máis salario e menos xornada
Sobre as principais reivindicacións, o representante da CIG apuntou como fundamental garantir a recuperación do poder adquisitivo perdido dende a sinatura do anterior convenio (2021-2024), que cifrou en preto dun 15%; así como melloras na xornada laboral, cun aumento do número de horas de descanso e a diminución das horas de condución, con independencia da redución anual da xornada.

Relacionado con esta cuestión, Pastoriza sinalou a necesidade de avanzar no control da xornada “porque neste sector hai un volume importante de condutores e condutoras (de furgoneta e de moto), e de persoal de administración e almacén que, a pesar do que estabelece o ET, non ten ningún tipo de control horario”.
Outro das melloras que a CIG vai defender, á vista do que está acontecendo coa xubilación anticipada no sector, é incorporar cláusulas para que a xubilación parcial con contrato relevo sexa obrigatoria sempre que a pida o/a traballador/a. “Non estamos falando de xubilación anticipación, porque non é materia de negociación colectiva, pero polo menos imos tentar que o persoal do sector poida acceder á prexubilación ou á xubilación completa dous ou tres anos antes”.
Transporte de mercadorías engloba tanto o transporte en camións, furgonetas e motos, como o sector da mensaxería (ao que pertence Amazon e o persoal denominado riders), que se incluíu no último convenio. A este respecto, Pastoriza explucou que as empresas de mensaxería teñen recorrido no xulgado esta inclusión, “pero dende a CIG seguimos a defender que debe haber só un convenio no que estean incluídos tanto mercadorías como mensaxería”.