Delegados/as da CIG-Industria claman en Stellantis-Vigo contra a represión sindical e laboral en Ilunion
Máis dun cento de delegados/as da CIG-Industria de Vigo mobilizáronse hoxe diante de Stellantis contra a represión sindical e laboral en Ilunion, centro especial de emprego do grupo ONCE cuxo persoal presta servizo nas principais empresas do sector da automoción, entre elas a propio transnacional francesa.
A central convocou esta protesta para rexeitar a persecución contra representantes sindicais e persoas traballadoras por parte da dirección de Ilunion en resposta á campaña que levan anos desenvolvendo para reclamar melloras nas condicións de traballo e denunciar a explotación que padece o cadro de persoal dun centro cuxo principal obxectivo debera ser contribuír á inclusión laboral de persoas con discapacidade. Durante a concentración, que tivo lugar de 12:30 a 13:30 horas na entrada principal da factoría, berráronse consignas como “Non á explotación da discapacidade”, “A igual traballo igual salario”, “Ilunion culpábel, ONCE responsábel” e “Emprego digno na automoción”.
Segundo denuncian dende a CIG, 6 dos 11 representantes que a central ten en Ilunion (10 no comité máis o delegado sindical) foron sancionados ou amoestados nos últimos meses. “Entre o último semestre de 2023 e o que vai do ano 2024 foron sancionados catro delegados ,dous deles con faltas graves e outros dous con faltas moi graves, ao que tamén hai que engadir outras catro advertencias de sanción con acusacións falsas neste último mes”.
A central sindical sitúa o que está a acontecer no marco dunha política de amedrentamento por reivindicar dereitos e denunciar unhas condicións de traballo lamentables, o abuso da contratación a través de ETT, as xornada abusivas e a falta de seguridade no traballo. “Unha campaña interna de persecución á CIG que coincide co favorecemento a outra organización sindical próxima á dirección da empresa”, censuran.
Neste senso, sinalan que a persecución e o acoso non só se limita aos delegados, senón que as propias persoas traballadoras “tamén padecen esta situación cando algúns encargados lles insisten en que se queren renovar o contrato ou que as fagan indefinidas teñen que afiliarse á UGT, co claro propósito de que nas vindeiras eleccións sindicais (que se celebran dentro de ano e medio) saia elixido o sindicato da empresa”.
Desestimada unha demanda de CCOO
Antes da mobilización tivo lugar no local da CIG de Vigo unha asemblea de delegados/as do sector industrial na que se abordaron, entre outras cuestións, as accións sindicais a desenvolver ante os constantes abusos por parte das mutuas ou a problemática derivada dos cambios nas licenzas laborais introducidos na última reforma do Estatuto das Persoas Traballadoras.
Dende a CIG lamentan que o Goberno español non fose máis claro á hora de lexislar neste eido, o que obriga a reclamar xudicialmente o goce dos días de libranza ante a negativa das empresas a conceder estas licenzas. Moitas persoas traballadoras non están a presentar recursos “por medo ou por descoñecemento”, o que na práctica se traduce nunha perda de dereitos laborais.
Na xuntanza de delegados/as tamén se deu conta do sentenza do TSXG que desestima a demanda presentada por CCOO contra as organizacións asinantes do último convenio colectivo do metal da provincial de Pontevedra (a CIG, UGT e a patronais) por suposta vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical, na súa vertente de negociación colectiva, ao entender que o sindicato non fora convocado polo resto de organizacións ás xuntanzas previas á sinatura do convenio e á propia ratificación do acordo.
O TSXG lembra no seu escrito que foi precisamente CCOO quen rexeitou asinar o convenio sen dar máis explicación, “actuando ademais cunha evidente ausencia de respecto institucional”, ao tempo que dá por probado que non existiron xuntanzas previas á ratificación do acordo e que o sindicato estatal recibiu o texto final antes da sinatura para que valorase a súa validación.
Finalmente a sentenza bota tamén por terra a pretensión de CCOO de formar parte da comisión paritaria do convenio, xa que o propio texto establece que estará integrada polas organizacións asinantes, e desestima a reclamación de 30.000 euros efectuada pola central estatal ás organizacións demandadas en concepto de indemnización por dano moral.