Delegados/as da CIG concéntranse en Indra por un convenio digno para o sector das TIC acorde cos enormes beneficios empresariais
Delegados e delegadas da CIG no sector das TIC concentráronse este xoves diante da sede de Indra na Coruña en defensa dun convenio de consultorías digno e con melloras salariais reais. En Galiza hai arredor de 25.000 traballadores e traballadoras reguladas por este convenio de ámbito estatal que, malia os enormes beneficios que están obtendo as empresas, segue contendo táboas salariais no límite do SMI.
O sector TIC da CIG (sindicato máis representativo en Galiza con arredor de 90 delegados/as) denuncia que este convenio "non reflicte a realidade do sector no noso país", cunhas marxes de ganancias enormes e que o ano pasado incrementou o emprego nun 5,2%.
Explican que a CIG non asinou o último convenio "por non acadar as condicións salariais e laborais mínimas exixidas polas traballadoras e os traballadores galegos" e, de feito, a suba do SMI para este 2024 provocou que cinco categorías tiveran que ser actualizadas por quedar por debaixo do salario mínimo.
Por iso, xunto á demanda dun incremento das retribucións acorde cos millonarios beneficios empresariais, unha das reivindicacións primordiais da CIG nesta negociación é que se elimine a cláusula de compensación e absorción "que leva a que moitos compañeiros e compañeiras sufran unha conxelación salarial perpetua".
En Indra nada para o persoal e incrementos desorbitados para os conselleiros
Un exemplo evidente desta precariedade é Indra, a principal consultora do Estado español, que a pesar de ter uns beneficios de 206 millóns de euros se nega a negociar un incremento xusto para o seu persoal, que nos últimos catro acumula unha perda do poder adquisitivo do 18%.
Pola contra, a empresa non tivo reparo en subir un 273% os soldos da alta dirección entre o ano 2022 e 2023. De tal xeito que o importe total que Indra dedicou aos salarios dos conselleiros e conselleiras pasou de sumar 3,5 millóns euros en 2022 a superar os 9,6 millóns de euros en 2023.
Diante disto, a CIG reclamará na mesa de negociación do convenio unha actualización salarial acorde cos beneficios empresariais, que se eliminen os salarios base referenciados ao SMI e unha mellora substancial das condicións laborais e sociais para o conxunto do persoal.
A este respecto, a central nacionalista continuará a defender un convenio TIC galego "xa que este é o camiño para recoller e regular a realidade das TIC no noso país e para asegurar os dereitos que os traballadores e as traballadoras merecen e aos que non dá resposta a negociación estatal".