Delegadas e delegados dos estaleiros de Fene e Ferrol levan as súas demandas á sede de Navantia
Delegadas e delegados dos estaleiros de Navantia en Fene e Ferrol concentráronse na mañá deste mércores diante da sede da compañía en Madrid en resposta á falta de avances na negociación do convenio colectivo e do Plan Estratéxico. Durante a protesta fixeron entrega dun escrito dirixido ao presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, e ao director técnico e de estratexia (que tamén remitiron á SEPI) no que trasladan as principais demandas para o convenio e urxen investimentos e máis carga de traballo para as factoría da ría de Ferrol.
O escrito foi entregado directamente ao presidente de Navantia, que se achegou até a concentración, a quen lle expuxeron a necesidade de acelerar as negociacións (iniciadas hai dous anos) e avanzar en cuestións básicas como o sistema de promocións, o plan de saídas, a publicación dos niveis salariais dos grupos 1 e 2, axilizar as incorporacións e mellorar as condicións do novo persoal, avanzar na redución da xornada ás 35h, ou melloras nas licencias, flexibilidade, conciliación, etc.
No relativo ao plan estratéxico, reclaman que se fagan investimentos cruciais para o futuro das instalacións como o dique de reparacións e o dique de novas construcións, dotar de máis carga de traballo aos estaleiros e crear novos postos de traballo na comarca.
Esta acción foi aprobada pola asemblea de traballadoras e traballadores no marco do calendario de mobilizacións que o persoal dos estaleiros da ría de Ferrol está a desenvolver pola negociación do convenio e do plan industrial; e aínda que foi formulada no comité intercentros, este órgano non se quixo sumar a protesta.
Coincidiu ademais cunha nova xuntanza do convenio "na que apenas houbo avances", explica o secretario do comité de Navantia Ferrol, Marcelino Amado. Sinala que, fundamentalmente se abordaron cuestións relativas ás quendas, ás novas incorporacións (cunha oferta por parte da empresa que segue a ser insuficiente), a xornada flexíbel, ou as licencias retribuídas (tanto no relativo á actualización normativa como á incorporación de determinados dereitos que xa teñen noutros centros de traballo).
Amado valorou as propostas trasladadas pola empresa "como insuficientes" e criticou que as negociacións avanzan "moi lentamente".