Delegados e delegadas de CIG Correos concentráronse esta mañá diante do Centro de Tratamento Automatizado de Correos en Lavacolla ( Santiago ) para demandar a negociación dun novo convenio colectivo para todo o cadro de persoal que garanta os mesmos dereitos que o resto de traballadores/as da Administración Xeral do Estado, tanto en permisos coma en retribucións.
A CIG-Correos denuncia as graves diferenzas salariais con respecto ao cadro de persoal da Administración do Estado. Indica, canda isto, que o persoal de novo ingreso en Correos apenas supera o salario mínimo interprofesional. Por iso rexeita proposta de Correos de flexibilidade retribuída. “Non imos cambiar nin vender dereitos”, aseguran.
Fronte a isto reclaman un incremento en retribucións fixas e “non variables que van ligadas a obxectivos moitas veces inalcanzables para non pagalos”.
A CIG-Correos establece, como obxectivos irrenunciables de cara á negociación dun novo convenio colectivo e Acordo Xeral entre outros puntos:
Suba salarial con recuperación do IPC perdido ( máis dun 20% )
Cláusula de revisión salarial para non seguir perdendo cartos.
Incorporación do persoal laboral ao Convenio Único da Administración Xeral do Estado.
Implantación xeral da xornada de 35 horas.
Eliminación dos descontos abusivos en situación de IT.
Concurso de traslados con cobertura de todos os postos vacantes.
Conversión de todas as prazas de tempo parcial e fixos descontinuos en prazas de xornada completa