Delegadas e delegados da CIG nos centros de chamadas protestan contra "o peor convenio da historia do sector"
Delegadas e delegados da CIG e persoal do sector dos centros de chamadas desenvolveron este mércores unha xornada de mobilizacións na Coruña en rexeitamento ao preacordo de convenio asinado por CCOO e UGT coa patronal. Denuncian que, de ratificarse o documento como está, precarizaranse aínda máis as condicións laborais do sector e afondarase no empobrecemento das traballadoras e dos traballadores.
A xeira de protestas comezou diante das oficinas da empresa Atento (na céntrica rúa Juan Flórez) e continuou diante de oficinas de Naturgy, Movistar, Vodafone e Orange, xa que son algunhas das principais compañías que teñen subcontratados servizos de atención telefónica con empresas do sector. A mobilización rematou, preto das dúas da tarde, no Cantón Pequeno diante de Santander Costumer Voice (compañía que creou o Santander no último ERE e que está regulada polo convenio de centros de chamadas).
Non se recupera nin se garante o poder adquisitivo
As delegadas e delegados da CIG cualifican este preacordo como "o peor con diferenza" da historia do sector, xa que non só non permitirá que as persoas traballadoras recuperen o poder adquisitivo perdido, senón que as someterá "ao xugo da patronal durante nada máis e nada menos que sete longuísimos anos". A este respecto, critican que "para asinar o que asinaron non era necesario estar máis de dous anos cun paripé de mesa de negociación".
No aspecto económico, CCOO e UGT renuncian á suba salarial correspondente aos anos 2020 e 2021 (despois de pechar 2021 co IPC no 6,5%), “o que supón perpetuar na pobreza a milleiros de familias e seguir perdendo cartos outro ano máis”. Para 2022 establécese unha suba do 3,5%, da que hai que descontar o 2,5% a conta que pagaron as empresas da patronal CEX.
Para 2023 o incremento pactado é dun 3,5%, para 2024 dun 3%, para 2025 a suba será o IPC, pero con tope máximo do 3,5% e mínimo do 1% e para 2026 será do IPC+0,5%, con tope 3,5% e mínimo 1%. “É totalmente intolerábel asinar un convenio a sete anos cunha proposta salarial á baixa e sen unha miserenta cláusula de revisión salarial”, censuran dende a CIG-Centros de Chamadas.
Precariedade na contratación e máis parcialidade
No relativo á estabilidade laboral, despois da sentenza da Audiencia declarando ilegais os contratos de obra e servizo neste sector, en lugar de esixir a conversión dos contratos en fraude nas empresas que non chegan ao 80% de contratos indefinidos ordinarios, outórgaselle un prazo dun ano máis (até o 31 de decembro de 2023).
No que ten que ver cos contratos fixos-descontinuos, a representación da CIG lembra que a reforma laboral contempla estes contratos para traballos de temporada, “por iso non deberan ter cabida no noso sector”. Aínda así, o Estatuto das Persoas Traballadoras establece que, salvo acordo en convenio colectivo, non se poderán realizar a tempo parcial, e os períodos de inactividade non poderán ser superiores a tres meses.
Mais o preacordo “da miseria” de UGT e CCOO facilítalle á patronal a única ferramenta posíbel para empeorar o Estatuto nesta materia, aceptando fixos descontinuos a tempo parcial e períodos de inactividade (é dicir, no paro) de até seis meses.
En cuestión de contratación temporal, tamén CCOO e UGT permítenlle ás empresas do sector empeorar a norma, e establecer a duración destes contratos en nove meses, cando o límite do Estatuto é de seis, ampliábel na negociación colectiva até un máximo de 12.
Xornada laboral
No preacordo asinado recóllese tamén que tan só o 30% do persoal poida estar contratado a xornada completa, mais se restamos desa porcentaxe ao persoal de estrutura que normalmente ten xornada completa, que porcentaxe nos queda para as e os teleoperadores", cuestionan. Ademais, permíteselle a patronal que outro 30% do persoal teña xornadas de menos de 30 horas, véndose deste xeito obrigado a recorrer ao pluriemprego para subsistir, “algo totalmente inasumíbel nun sector consolidado coma este”.
O teletraballo, sen compensación xusta
En materia de teletraballo, CCOO e UGT aceptan os importes insuficientes que propón a patronal, renuncian ao abono retroactivo “dende que estamos traballando nas nosas casas, salvándolles os beneficios ás empresas, cando isto foi unha liña vermella para todos os sindicatos en absolutamente todas as mesas negociadoras que se abriron”.
Tamén asumen que se poida teletraballar o 100% da xornada, permitindo así que as persoas sexan contratadas en calquera punto do Estado e que na vida pisen un centro de traballo. “Iso si, despois botan as mans á cabeza ante a posibilidade de que esas persoas se vexan na rúa cunha man diante e outra detrás con tan só un movemento da empresa: exercer a reversibilidade do teletraballo e facerlles volver a un centro de traballo a centos ou miles de quilómetros das súas casas”.
Neste senso, sinalan que durante dous anos asistiron a mesas de negociación nesta materia, tanto sectorial como en cada unha das empresas, comprobando que o principal problema se atopaba na falta de acordo á hora de establecer os medios que a empresa está obrigada a facilitar. “Pese a esta experiencia, e a que a propia Lei de teletraballo recolle a obriga de listar os medios, esquéceselles nesta baixada de pantalóns recoller esta cuestión”.