Delegadas e delegados da CIG mobilízanse na Coruña para esixir un convenio digno nos centros de chamadas
Delegadas e delegados da CIG nos centros de chamadas concentráronse este martes diante de varias empresas do sector situadas no Polígono da Agrela (A Coruña) para reclamar un convenio digno e rexeitar os intentos da patronal de precarizar aínda máis as condicións laborais no sector. Estas protestas enmárcanse no calendario de mobilizacións acordado pola CIG en resposta á falta de avances na mesa de negociación do convenio, caducado dende decembro de 2019.
Neste tempo non se produciu ningún avance na negociación "que está totalmente estancada, mentres os soldos dos traballadores e das traballadoras permanecen conxelados, coas condicións precarias deste convenio inmóbiles e cunha patronal que pretende recortar o convenio actual", denuncia a coordinadora do sector, Patricia Cordo. Isto, sumado a que os convenios asinados anteriormente afondaran na precariedade, provocou que a perda de poder adquisitivo fose medrando ano tras ano, até o punto de que de térense aplicado os índices do IPC (incluso os negativos) en lugar das subas pactadas en convenio, o salario anual de teleoperador/a especialista sería hoxe de máis de 16.000 euros, case 2.000 euros máis que o salario anual actual.
A CIG calcula que os cartos perdidos polo persoal en 11 anos a causa das cativas condicións do convenio ascenden a máis de 10.000 euros, nun sector "no que os salarios están a piques de ser superados polo SMI", advirte Cordo, quen subliña que a precariedade non afecta só as retribucións, senón tamén ás elevadísimas taxas de temporalidade, ás dificultades para conciliar, á clasificación profesional inadecuada e obsoleta, á distribución irregular da xornada ou a que boa parte dos contratos son a tempo parcial.
Teletraballo en precario
A isto habería que sumarlle, os gastos xerados polo teletraballo, imposto ás presas polas empresas ao inicio da pandemia sen garantir ningún dereito e mesmo tendo os traballadores e as traballadoras que pór os propios seus equipos informáticos, teléfonos e a conexión a internet para poder realizar o traballo.
Pero a patronal négase a negociar unhas condicións dignas para esta modalidade e nin sequera compensa xustamente o persoal polos gastos que lle xera o teletraballo, amosando a súa avaricia infinita. É máis, a patronal utiliza o teletraballo como premio ou castigo en función dos resultados, “despedindo sen miramentos a quen non cumpra os obxectivos marcados”.
As mobilizacións continuarán nas próximas semanas
Por iso, a CIG aposta por reclamar na rúa unha mellora das condicións de traballo, tendo en conta a actitude inmobilista e a falta de interese do empresariado en negociar un convenio que dignifique as condicións laborais e salariais e recoñeza o esforzo realizado polas traballadoras/es do sector durante a pandemia.
O calendario de mobilizacións, que se iniciou o pasado 18 de xaneiro en Vigo, continuará o 8 de febreiro en Ourense, o 22 en Lugo e o 15 de marzo en Santiago.