Delegadas da CIG mobilizaranse este 8M baixo o lema “A crise non a imos pagar as traballadoras”
Baixo o lema “A crise non a imos pagar as traballadoras”, delegadas da CIG sairán ás rúas de 12 cidades e vilas galegas para denunciar a precariedade que padecen as traballadoras galegas, o deterioro das súas condicións de vida, por mor da inflación galopante, e exixir melloras nas súas condicións laborais e salariais, ademais duns servizos públicos de calidade.
Mobilizacións convocadas
- A Coruña 11:30h (Subdelegación do Goberno)
- A Mariña: 11:00h (concello de Burela)
- Lugo: 12:00h (edificio da Xunta)
- Compostela: 12:00h (Praza Roxa)
- Ferrol: 12:00h (local CIG –Avda. de Esteiro)
- As Pontes: 12:00h (Praza do Hospital)
- Pontevedra: 12:00h (Edificio Sindical)
- Vilagarcía: 12:00h (Auditorio)
- Vigo: 11:30h (cruce da Dobrada)
- Cangas: 12:00h (estación de autobuses)
- A Guarda: 12:00h (Praza As de Copas)
- Ourense: 12:00h (edificio da Xunta –Avda. da Habana)
A secretaría das Mulleres denuncia que a última reforma laboral, baixo a pretensión de eliminar a temporalidade, “trouxo un incremento da inestabilidade laboral a través da substitución dos contratos temporais polos fixos descontinuos”. Afirma ademais que esta “medida estrela” da reforma implantada polo goberno do PSOE e UP, na práctica, o que fai é “perpetuar a precariedade, mesmo permitindo este tipo de contratos por medio das ETT, que derivan nunha perda total de dereitos para as traballadoras”.
Unha de cada catro mulleres con xornada parcial
Neste sentido, a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denuncia que “o auxe da parcialidade é outra forma de explotación das traballadoras”. Nese sentido, apunta que o 25% das mulleres teñen contratos a xornada parcial, é dicir, 1 de cada 4, mentres que no caso dos homes é só 1 de cada 16,5.
Castro lembra que “persiste a forte fenda de xénero histórica”, situándose en 2021 preto do 19% o que en termos monetarios tradúcese en que as mulleres cobran 4.238 euros brutos anuais menos que os homes”. Unha situación que sumada á carestía da vida, con subas desorbitadas dos prezos dos produtos básicos, provoca “un empeoramento da calidade da alimentación, das condicións de habitabilidade dos fogares ou da saúde”, entre outras, e en consecuencia un deterioro da calidade de vida. “A realidade é que seguimos sendo as mulleres as que nos encargamos do mantemento dos fogares e, por tanto, esta carestía aféctanos dun xeito máis directo e lesivo”, conclúe.
Recortes dos servizos públicos
Nicolasa Castro denuncia tamén as consecuencias que teñen para as mulleres os recortes dos servizos públicos. Un deterioro que considera que é especialmente acusado na sanidade, educación e centros de atención á dependencia, servizos que, afirma, “son vitais para a mellora do benestar e do progreso social” e cuxa insuficiencia, denuncia que “obrigan a moitas mulleres a abandonar o emprego ou a reducir a xornada para paliar esta carencia”.
A secretaria das mulleres da CIG subliña que estes recortes afectan especialmente ás condicións de traballo do persoal dos servizos públicos, principalmente mulleres. Por iso asegura que “a Xunta de Galiza e nomeadamente o SERGAS é a maior empresa de traballo temporal do País, experta en precarizar as condicións laborais”.
Desemprego e precariedade
O desemprego feminino non só é un 16.6% superior ao masculino senón que ademais, o pasado mes de xaneiro “o 77.85% das persoas que pasaron á situación de desemprego foron mulleres”.
A isto hai que engadir a precariedade laboral, que “é especialmente salvaxe no colectivo de mozas, que sofren grandes dificuldades para o acceso ao traballo remunerado, e este realízase en condicións de semiescravitude, obrigando a moitas delas á emigración”, denuncia Castro.
A secretaria das Mulleres apunta, canda isto, que a nova norma que regula as condicións de traballado das empregadas do fogar “non contempla a igualdade de dereitos laborais deste colectivo de traballadoras”. A ese respecto denuncia que existen “flagrantes carencias que non recoñecen os seus dereitos laborais plenos, como o seu paso ao réxime xeral da Seguridade Social, o recoñecemento para o desemprego da súa vida laboral previa ou o dereito á negociación colectiva”.
Diante deste panorama, a secretaria das Mulleres chama a participar nas mobilizacións convocadas pola CIG para o 8 de Marzo e conclúe que “a crise non a imos pagar as traballadoras”.