Declarado nulo o despido dunha traballadora da residencia DomusVi de Barra de Miño
O Xulgado do Social número 1 de Ourense vén de declarar nulo o despedimento disciplinario dunha traballadora da residencia da terceira idade DomusVi de Barra de Miño. A sentenza dá por feito que a empresa rescindiulle o contrato por ter reclamado os seus dereitos laborais e que foi discriminada por motivos de saúde, xa que o despido produciuse nada máis regresar dunha baixa médica prolongada.
A decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do TSXG, obriga a empresa a readmitila no seu posto, abonarlle os salarios que deixou de percibir e indemnizala con 7000 euros por danos e prexuízos. Xa que considera que o xeito de proceder da dirección é un claro exemplo de represalia cara a traballadora polo mero feito de ter reclamado os seus dereitos.
Porque a afectada solicitara en varias ocasións o goce de días de libre disposición que lle foron denegados, “práctica que DomusVi realiza sistematicamente con todo o persoal, incumprindo o convenio colectivo e sen dar unha explicación razoada da denegación, ademais de facelo de palabra e o día antes)”, tal e como sinalaron hoxe en rolda de prensa a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Ourense, Natividad Álvarez, e Julia González, da CIG-Servizos de Ourense, que compareceron diante dos medios de comunicación xunto as delegadas da central sindical na residencia de Pereiro de Aguiar, Emma Fernández e María Dolores Novoa.
As responsábeis sindicais explicaron que a traballadora despedida estivo de baixa por incapacidade temporal derivada dun accidente de tráfico dende o 30 de abril até o 6 de novembro de 2023, e que a continuación gozou das vacacións correspondentes ao ano 2023. “Aos poucos días foi despedida por supostas conductas que a propia sentenza considera xenéricas e non suficientemente concluíntes, dando por feito que a rescisión de contrato se produce en clara represalia por ter solicitado os días de libre disposición e por ter estado de baixa”.
Acoso laboral e maltrato
Neste senso, fixeron fincapé en que é habitual que Domus Vi non respecte os dereitos das traballadoras/as, incumpra o convenio, e non cubra as baixas nin ningún tipo de ausencias (vacacións, etc), “ polo que o seu persoal soporta unha sobrecarga de traballo brutal que ten consecuencias tanto físicas como mentais, o que se traduce nun elevado índice de baixas”.
Mais tamén polas constantes situacións de “acoso laboral e de maltrato” que teñen que padecer as empregadas/os, “que levan aguantando todo tipo de ameazas, insultos, faltas de respecto e mofas, situación que se agravou dende que a CIG ostenta a representación sindical”. Por iso anunciaron que continuarán coas mobilizacións -como as que tiveron lugar o pasado mércores e o luns 25 de marzo diante da residencia de Pereiro- e seguirán denunciando o que acontece.
Ao mesmo tempo, censuraron que a empresa veña de impoñer neste centro de traballo, mesmo sen consulta previa coa representación do cadro de persoal, un cuadrante horario anual con xornadas abusivas, incumprindo as 36 horas de descanso ininterrompido que establece o convenio, e deixando a devolución dos días festivos traballados ao antollo da empresa. “Una modificación substancial das condicións de traballo que nos obrigou a presentar un conflito colectivo no xulgado e que está previsto que se celebre a vindeira semana”.
Finalmente fixeron un chamamento ás familias para que reclamen unha supervisión “minuciosa” das residencias para maiores que xestiona Domus Vi co obxectivo de garantir unha atención axeitada das persoas residentes, “pois están a desembolsar unas cantidades desorbitadas, entre 2000 e 3000 euros mensuais, para que logo non sexan atendidas como se merecen”.