Débeda soberana e economía intervida no conflito da estiba

Ignazio Aiestaran - 15 Xun 2017

Aínda que a privatización do porto grego do Pireo segue adiante, os beneficios públicos que reportou a súa venda foron escasos para Grecia. Os 280,5 millóns de euros que pagou a empresa chinesa polo Pireo foron integramente a pagar a débeda do Estado grego. Así é como no capitalismo das débedas soberanas se vende e privatiza o patrimonio público dos pobos e se xeran novos mercados coa escusa da austeridade

Ás veces, cando falan da globalización, pénsase en películas de Hollywood ou en personaxes como Bill Gates, mais non en cousas como a estiba. Con frecuencia descoñécese como funciona economicamente a globalización, sobre todo, porque os grandes medios de comunicación non dedican espazo, nin tempo a explicar estas engranaxes e intereses.

 Tomemos como referencia, por exemplo, a compañía chinesa COSCO Shipping Group que nos vai a levar até o conflito actual na estiba e nos portos. A propia compañía asegura que posúe unha flota de 288 buques, dos cales 84 teñen unha capacidade de carga superior aos oito mil contedores de 20 pés por buque. Este grupo empresarial opera cunha flota duns 550 buques, cunha capacidade total de carga de 30 millóns de toneladas de peso morto (TPM) en máis de 100 portos do mundo, segundo os datos que publicitaron oficialmente a finais do 2015. Seguramente esta compañía aumentou aínda máis a súa capacidade na actualidade.

 Este grupo empresarial naceu da fusión de China Ocean Shipping Company (COSCO) e China Shipping Company (CSG) en febreiro de 2016. A fusión foi obra da presión do Goberno de China durante 2015 para crear unha empresa mundial de primeira orde. Esta empresa estatal reduciría custos e, ao mesmo tempo, controlaría case en monopolio a saída de exportacións masivas de China por mar. Tendo en conta o que Europa e outras rexións compran desa “fábrica mundial” que é China, ese negocio é impresionante e permítelle controlar os prezos de exportación dos produtos a transportar.

 A entrada de COSCO Shipping Group nos portos do Estado español que empezou agora non é a primeira experiencia en Europa. En xaneiro de 2016 o porto do Pireo (Grecia) xa foi vendido ao grupo COSCO Shipping Group. Inicialmente ese ano o grupo pagou 280,5 millóns de euros, para comprar o 51% das accións do porto. Pasados cinco anos, ten dereito a ampliar ao 67% a súa participación, aboando outros 88 millóns de euros e con iso completaría a privatización deste porto. O Pireo é o maior porto marítimo de Grecia e está incluído entre os dez maiores portos de contedores de Europa. Tamén é o maior porto de pasaxeiros de Europa e un dos principais a nivel mundial. En maio do 2017 COSCO Schipping Group anunciou un plan dentro da súa privatización, que incluía a modificación de embarques e amarres para albergar cruceiros maiores, así como o proxecto dun hotel de luxo e un centro de compras.

 Aínda que a privatización do porto do Pireo segue adiante, os beneficios públicos que reportou a súa venda foron escasos para Grecia. Os 280,5 millóns de euros que pagou a empresa chinesa polo Pireo foron integramente a pagar a débeda do Estado grego, aínda que ese monto só equivalía a dúas semanas de xuros da súa débeda. Estas son as cousas que se negocian nos memorandos que asina o Goberno de Tsipras coa Unión Europea e que non saen en grandes titulares. Así é como no capitalismo das débedas soberanas se vende e privatiza o patrimonio público dos pobos e se xeran novos mercados coa escusa da austeridade.

 Mais Grecia non é o único Estado que ha ter que negociar as súas débedas coa Unión Europea e China. Desde a época do presidente Rodríguez Zapatero o Goberno de China estivo comprando débeda soberana española. Os cálculos máis prudentes e conservadores aseguran que China tería como mínimo 41.000 millóns de euros en débeda soberana española. Segundo eses cálculos, China sería o segundo país que comprou máis débeda do Reino de España, por detrás de Francia. Por iso, todos os gobernos españois -tanto co PSOE de Rodríguez Zapatero como co PP de Rajoy- visitaron China para que ese país comprase débeda soberana e non se desfixese dela.

 En maio do 2017 o presidente Rajoy visitou China e presumiu alí da fortaleza da economía española. Agora vén o pagamento que fixo. Agora mesmo, en xuño do 2017, COSCO Shipping Ports tomou o control de Noatum Ports, primeiro operador de terminais portuarias no Reino de España. Tal e como fixo anteriormente no Pireo, á compañía chinesa abondoulle con mercar un 51% do seu capital, por 203,49 millóns de euros. Polo mesmo prezo a empresa chinesa quedou coas terminais de contedores dos portos de Valencia e Bilbao, ademais das terminais ferroviarias de Madrid e Zaragoza, na súa expansión económica polo Mediterráneo.

 Isto é o que estivo negociando Rajoy en China. Isto é o que aprobaron por real decreto, desde o Partido Popular e Cidadáns ata Unión do Pobo Navarro e o Partido Nacionalista Vasco. Isto é tamén o que estaba pedindo entre liñas a Unión Europea: que España cumprise coa súa economía intervida. Por iso mesmo, pódese afirmar que o Reino de España segue sendo un Estado falido desde o punto de vista técnico e económico.

 Con todo, para que a empresa chinesa se faga co control había e hai un problema: quen traballa na estiba. Os contedores non se descargan sós: fai falta forza de traballo, que vai máis aló dos memorandos do capital. Aquí é onde vén a presión mediática e política que se usou durante semanas para vilipendiar, denigrar e intentar someter a clase obreira que traballa na estiba e as posteriores folgas e loitas polos seus dereitos. Mentres tanto, as forzas e organizacións políticas de oposición con cargos no Congreso dos Deputados non parecen decatarse da importancia e gravidade dos feitos e do que está en xogo, non só agora, senón no futuro.

 Así funcionan a política e o capital nun mundo globalizado con países intervidos de facto nesta Unión Europea. Termino cun recordatorio de algo que se esqueceu na linguaxe mediático e político actual: cando na estiba berran “Ou todos, ou ningún”, non expresan unha verdade local, senón unha reivindicación global e universal.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 15 de xuño de 2017]