Cuba, Porto Rico, Filipinas... e Catalunya?
Cuba, Porto Rico e Filipinas perderon a súa natureza de colonia e gañaron a pintoresca condición de "provincias de ultramar". Un perverso subterfuxio que pretendía deslexitimar o dereito á autodeterminación. Unha nova cadea para as vellas colonias, coa colaboración inestimábel das oligarquías españolas
A crise que, a finais da centuria do 1800, prendeu entre as últimas colonias españolas de ultramar e a metrópole, garda unhas sorprendentes relacións co actual conflito Catalunya-España. Os argumentos de constitucionalistas e de independentistas, é dicir, da metrópole e das colonias, e os tempos que marcaron o proceso, desde a autonomía de 1868 até a independencia de 1898, revelan -coa obrigada distancia que impón o tempo- uns curiosos paralelismos entre os dous conflitos. Na crise colonial de hai un século e medio o constitucionalismo -presentado tamén como a defensa da lei e do estado de dereito- foi o argumento español para facer fronte ao independentismo en Cuba, Porto Rico e Filipinas. Desde 1868 o constitucionalismo é o disfraz de gala do nacionalismo español. Un disfraz de fábrica liberal que sublima unha pretendida España rexenerada e unitaria concibida para agochar, no faiado, as súas miserias e as súas realidades.
Da primeira á última
Durante as primeiras décadas da centuria do 1800 xurdiron máis dunha ducia de novas repúblicas sobre o territorio do antigo imperio colonial hispánico. Aquelas independencias forxáronse na vontade de escapar, e nunca mellor dito, do réxime absolutista, despótico e corrupto dos Borbóns pretendidamente ilustrados. En cambio, no final do século, a paisaxe variara substancialmente. A metrópole consumiuse en dúas guerras civís mortíferas -liberais versus carlistas-, que son tres si contamos a guerra napoleónica. Os Borbóns gañaran a pulso a dubidosa honra de ser a dinastía máis desacreditada de Europa. Os militares poñían e depoñían gobernos case en cada cambio de lúa. A corrupción, divisa atávica do poder, mutara cara a un novo e pintoresco fenómeno: o caciquismo . E o imperio español de ultramar xa non era aquel xigante con pés de barro e cabeza de cabaza "onde nunca se poñería o sol".
Constitucionalismo-españolismo
En 1868 produciuse unha revolución social na metrópole, que quedaría en nada como adoita ocorrer en España con estas cousas, pero que sería o punto de partida do binomio constitucionalismo-españolismo. Os xenerais Prim, Serrano e Topete, pretendidos liberais constitucionalistas, urdiron un golpe de estado para liquidar a monarquía. A borbónica, porque o de Reus chantoulles un Savoia -Amadeu I- que reinaría o tempo que tardou en ser coñecedor de que, en España, a súa vida e a súa coroa non valían nin un peso. A Revolución Gloriosa de 1868 -a de Prim, Serrano e Topete- presentouse como o enésimo proxecto rexeneracionista; coa particularidade de que, a diferenza dos anteriores golpes de estado, tiña a pretensión de abranguer todas as camadas da sociedade. Neste punto é onde constitucionalismo e españolidade fixeron Pascua e fixeron Ramos. Cunha monarquía vinda a menos e cunha relixión cuestionada, o réxime constitucional pasaba a ser rei e a ser Deus.
A sagrada "unidade da patria"
O concepto "unidade da patria" até daquela recluído dentro das catro paredes dos cuarteis militares, sería elevado á categoría de dogma, para compartir altar con valores tan universais como a liberdade. O da lei e do estado de dereito sería só unha consecuencia. Unha curiosa simbiose que só se explica porque aquela Constitución, como tantas outras, foi redactada nun despacho militar. De militares golpistas. O que en castelán chaman "meter al diablo a hacer las hostias". Constitucións de xastrería. Militar, por suposto. Cuba, Porto Rico e Filipinas perderon a súa natureza de colonia e gañaron a pintoresca condición de "provincias de ultramar". Un perverso subterfuxio que pretendía deslexitimar o dereito á autodeterminación. Unha nova cadea para as vellas colonias. Coa colaboración inestimábel das oligarquías españolas, frecuentemente enriquecidas co comercio de persoas, que ameazaban abandonar as colonias se os independentistas levaban a cabo os seus plans.
O suflé independentista
A crise independentista, lonxe de se apagar, reavivouse. Tamén o liberal Sagasta e o conservador Cánovas del Castillo -presidentes do goberno na pintoresca alternancia do réxime constitucional español- pensaron que o independentismo era un suflé. Nin as ridículas autonomías administrativas, intervidas cada vez que o Borbón de Madrid ía ao baño, nin a brutal represión das tropas coloniais sobre a poboación civil, nin as ameazas de fuga de capitais que proferían banqueiros e latifundistas -algúns de pasado inconfesabelmente escuro-, nin as chamadas á pintoresca lei e ao extravagante estado de dereito que perpetuaban Cuba como a provincia máis castigada de España lograron rebaixar o suflé. Cuba independizaríase e Unamuno anos máis tarde diríalle a Azorín: "Merecemos perder Cataluña. Esa cochina prensa madrileña está haciendo la misma labor que con Cuba. No se entera. Es la bárbara mentalidad castellana. Su cerebro cojonudo, tienen testículos en vez de sesos en la mollera".
O desprestixio de España
Até aquí os paralelismos. Aquela crise converteuse en guerra. En nome da lei e do estado de dereito, é dicir, do réxime constitucional, os gobernantes españois ordenaron o sacrificio de miles de vidas humanas. Miles de soldados españois de leva, que morreron nunha guerra inútil que o xeneral Prim intentara evitar trinta anos antes, cando propuxo a venda de Cuba a cambio de diminuír o déficit público español. Á marxe do incalculábel custo humano, só a crise de Cuba representou en España un custo do equivalente actual aproximado a 160.000 millóns de euros. E o desprestixio, interno e externo, máis absoluto do réxime e da clase política. A prensa internacional da época presentou a diplomacia española como personaxes corroídos e ridículos, tocados dun patrioteirismo atávico, que o túnel do tempo transportara da época en que os Tercios de Castilla foron inmortalizados no cadro das lanzas
[Artigo tirado do sitio web catalán El Nacional, do 15 de outubro de 2017]