Cuarta xornada de folga do persoal do Concello de Cariño ante a falta de propostas para a RPT

As traballadoras e os traballadores teñen convocados un total de seis días de paro xeral para este mes de marzo
Cariño - 11 Mar 2026

A práctica totalidade do persoal laboral do Concello de Cariño secundou este mércores a quinta xornada de folga para reclamarlle ao Goberno municipal a negociación e aprobación dunha Relación de Postos de Traballo que dignifique as condicións laborais e salariais e que permita dotar a esta administración dos efectivos necesarios para prestar un servizos públicos de calidade á veciñanza.

Durante a mañá, para visibilizar a súa loita, os traballadores e as traballadoras saíron en manifestación dende a Avenida do Sagrón até a Casa Consistorial, onde remataron a mobilización cunha concentración.

Esta é a primeira das seis xornadas de folga que o persoal acordou realizar neste mes de marzo ante a falta de propostas por parte do Concello que permitan avanzar nunha RPT pola que están pelexando dende hai 18 anos. Os delegados da CIG, David Fernández e Alberto Durán, lembran que xa existe unha sentenza xudicial que obriga a negociar, pero dende maio do ano pasado non se produciu ningunha reunión entre as partes.

Ante este incumprimento, o xulgado dirixiuse ao Concello para informarse de como ía a negociación e solicitoulle á administración local un cronograma de reunións encamiñadas a tentar chegar a unha proposta definitiva de RPT no marco temporal deste 2026. Mais, a resposta do Concello “foi apelar ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”.

Neste senso, lamentan que a alcaldesa entenda que a execución sentenza está cumprida “porque lle pediu á empresa externa que teñen contratada para facer a RPT que presentara unha proposta”. Unha proposta que, nestes momentos e malia intensa mobilización que están a realizar as traballadoras e traballadores, “seguimos sen ter enriba da mesa”.

As condicións de traballo e os servizos públicos seguen empeorando

Ao contrario, día a día as condicións laborais e salariais continúan empeorando e a prestación dos servizos públicos está máis deteriorada. Os delegados do persoal poñen o acento en que esta situación provocou que o Concello pasara de contar con 70 persoas traballadoras a dispor só de 43 -algunhas incluso con xornada a tempo parcial-, das que arredor de 20 cobran o salario mínimo interprofesional ou unha contía moi próxima.

Esta precariedade, ademais de deixar os servizos públicos en mínimos, xa derivou en que varias traballadoras e traballadores abandonaran o seu posto para ir a outros concellos nos que si teñen recoñecidas unhas condicións dignas. En datas recentes, explican Fernández e Durán, xa marcharon a traballadora social e a bibliotecaria e só hai un operario a media xornada para facer a limpeza viaria e a recollida de trastes para todo o centro da vila e as parroquias.

A isto súmase unha práctica política de imposición e non diálogo, cuxo exemplo evidente está na modificación unilateral e sen comunicación previa dos horarios das traballadoras do SAF, xusto despois do terceiro día folga. 

Sen criterios obxectivos para estabelecer os salarios e funcións

Os representantes da CIG lembran que a Relación de Postos de Traballo é unha ferramenta obrigatoria pola cal as administracións estruturan o persoal segundo as necesidades dos servizos públicos que deben prestar, marcan os requisitos para o acceso a eses postos de traballo, as funcións e as retribucións en base a unha valoración dos mesmos.

Non contar coa RPT, aclaran, provoca que non exista un criterio obxectivo para estabelecer as retribucións do persoal e que se acuda ao SMI para decidir o que vai cobrar cada quen. Neste senso, apuntan que o persoal se rexe por un convenio colectivo do ano 2005 que está sen actualizar e que os únicos incrementos que perciben son os que se acordan a nivel estatal para o persoal empregado público. E incluso nas categorías máis baixas, estas revalorizacións non chegan a aplicarse porque son absorbidas polas subas do salario mínimo.

A todo isto súmase que o Concello de Cariño está funcionando cuns orzamentos prorrogados dende a ano 2020 e non hai visos de que neste exercicio se vaian aprobar uns novos, posto que o equipo de Goberno nin sequera trasladou unha proposta de contas nin sentou negociar.

“Sen uns orzamentos actualizados, non é posíbel sacar adiante unha RPT xusta para o persoal”, aseveran David Fernández e Alberto Durán. Por iso, outra das demandas do persoal é que o Goberno presente e aprobe unhas contas actualizadas ás necesidades do Concello e que permitan sacar adiante unha RPT xusta.

Así as cousas, o persoal continuará coa folga e fará unha nova manifestación na xornada de mañá, xoves 12 de marzo, e ten previstos novos paros para os días 25, 26, 30 e 31 deste mes. Ademais, non descartan continuar e intensificar as mobilizacións se o Concello segue sen atender as súas xustas e lexítimas demandas.