Crise das vacinas e descomposición da Unión Europea

Wolfgang Streeck - 26 Mar 2021

Falta por ver se os gobernos van poder deseñar e aplicar as esixentes medidas para manter o virus baixo control e vivir con el nunha sociedade urbana complexa, porque, agora mesmo, baixo o feitizo de Bruxelas, nin sequera poden organizar unha campaña de vacinación

 A primavera está no aire e Bruxelas debería estar chea de actividade. Recorda a Next Generation da UE de Úrsula von der Leyen, o “Fondo de recuperación polo coronavirus” de 750.000 millóns de euros, dividido cunha fórmula incomprensíbel entre os Estados membros?

 O Fondo acordouse en xullo do ano pasado, e un podería estar pensando que a UE agora estaría ocupada vendendo débeda aos seus bancos favoritos. Estes logo venderían a débeda ao Banco Central Europeo, cun beneficio cuantioso, facendo felices aos seus accionistas, mentres se alimenta a flexibilización cuantitativa, mantendo altos os prezos dos activos e xa que logo aumentando a felicidade das accionistas (“estabilizar os mercados financeiros” é o termo politicamente correcto).

 Ben, como non somos banqueiros, non necesitariamos sabelo. Pero, espere un segundo.

 A estas alturas, non deberiamos oír falar de, polo menos, algúns dos 27 parlamentos nacionais que outorgan a bendición necesaria ao plan de produción de diñeiro da Next Generation, non previsto nos tratados da vella xeración?

 E, sobre todo, non deberiamos estar vendo os países desenvolvendo proxectos que se financiarán co diñeiro da próxima xeración? Segundo as normas deste Fondo, estes proxectos deberían estar en mans da Comisión Europea que, segundo nos dixeron, verificará se o diñeiro estaría ben gastado, porque o efectivo non sería para o consumo senón para o investimento.

 A idea era que o diñeiro se debería gastar en algo relacionado co virus e ao mesmo tempo debería facer que os países fosen máis “competitivos” no momento que debería reembolsarse (supostamente a fins de 2028).

 Até o momento, só oímos falar de Italia, o principal beneficiario, que recibirá 209.000 millóns de euros (seguido do Estado español con 140.000 millóns de euros). Mais o diñeiro provocou a caída do goberno de Conte, que non puido reunir suficiente apoio interno para os seus proxectos. O seu lugar foi ocupado por unha coalición de case todos os partidos comandada por Mario Draghi, quen inmediatamente entregou a planificación da recuperación nacional a McKinsey, loxicamente, por un moi bo prezo... que pagarán todos os italianos.

 Tampouco escoitamos quen vai sentar neses comités en Bruxelas que se supón que deben decidir que proxectos dos estados membros paga a pena financiar. Como xa se dixo, non necesitamos sabelo todo, e a UE, incluída a “Next Generation”, nunca tivo a intención de ser unha democracia.

 Entrementres, podemos ocuparnos en contemplar as estatísticas de vacinación da Unión. A mediados de marzo víanse estrañamente similares a como se vían a mediados de febreiro: Alemaña 7,4 por cento, fronte a un 5 % ; Italia 7,5 desde 4,9 %, Francia 6,8 desde 4,3 % e o Estado español 8,1 desde un 5,2 por cento en febreiro.

 En comparanza, o Reino Unido pasara do 23 ao 35 por cento de vacinados e os Estados Unidos do 15,9 ao 20 por cento, mentres que Israel xa vacinara a máis da metade da súa poboación, case o 60 por cento. Mesmo en Alemaña, onde os críticos do goberno e a UE corren o risco de seren acusados de simpatizar con AfD, a xente está comparando as taxas de vacinación na UE coas do Reino Unido e dos EUA.

O “bazar das vacinas”, a vergoña da UE

 Aos cidadáns europeos estáselles esgotando a paciencia. Dinamarca e Austria están establecendo unha empresa conxunta con Israel para aprender como obter e dispensar vacinas. Italia impuxo unha prohibición de exportación da vacina AstraZeneca que estaba a piques de ser enviada a Australia, só para que os partidarios do “libre comercio” dixesen que a farmacéutica debía cinguirse aos acordos comerciais da UE.

 O presidente francés agora esixe «solidariedade europea» mentres se nega a utilizar a vacina sueco-británica AstraZeneca. A esta declaración uniuse Merkel, quen acaba de dicir que, tendo 66 anos, nunca se vacinaría co preparado de AstraZeneca, xa que isto só funciona para persoas menores de 65 anos. Estará agardando pola vacina franco-alemá de Sanofi?

 Pola súa banda AstraZeneca anunciou máis tarde que reduciría as entregas a Alemaña á metade debido ás “restricións á exportación”. Presumibelmente en represalia, Alemaña e outros países da UE suspenderon o uso de AstraZeneca durante uns días.

 Mentres tanto, Hungría, e outras nacións tamén da UE, comprarán vacinas de Rusia e China. Viktor Orban, o aspirante a home forte húngaro, parece renunciar por completo a Bruxelas e busca pechar filas con Vladimir Putin.

 Para complicar a situación Austria e outros catro estados esixen unha investigación sobre o que consideran o «bazar de vacinas» de Bruxelas, pero os contratos coas grandes farmacéuticas seguen sendo secretos. Nalgún momento, alguén poñerá números ás mortes causadas pola Gran Ralentización da Vacinación. En contraste, a UE insiste en manter abertas as súas fronteiras, mesmo cando estamos enfrontando unha “fatídica cuarta onda”.

 No medio de toda esta desfeita hai algunha boa noticia, aínda que non para a Unión Europea. A democracia parece que podería regresar a onde pertence, no sentido de que os políticos nacionais están aprendendo que o combate contra o virus é demasiado importante para deixalo en mans de Bruxelas. Tamén están aprendendo que non poden encerrar os seus votantes durante o tempo que recomendan os virólogos: un ten a impresión de que estaremos pechados durante máis tempo que a esperanza de vida que lles queda a moitas persoas.

 Merkel, que nun momento pareceu caer en mans dunha banda de fanáticos do ZeroCovid, composta por virólogos, físicos teóricos e profesores de filosofía, volveu facer unha das súas inimitábeis mudanzas na súa política sanitaria, agora esta disposta a permitir que as restricións se relaxen malia o aumento de incidencia da “besta que os alemáns chaman o mutante británico”.

 Por suposto, falta por ver se os gobernos van poder deseñar e aplicar as esixentes medidas para manter o virus baixo control e vivir con el nunha sociedade urbana complexa, porque, agora mesmo, baixo o feitizo de Bruxelas, nin sequera poden organizar unha campaña de vacinación.

 As outras noticias son malas. Velaquí unha pequena selección.

- A clase política alemá está entusiasmada con que Biden manteña as súas tropas en Afganistán; porque entón Alemaña tamén vai poder manter as súas tropas alí, coa esperanza de que mentres os talibáns non se fixeron cargo formalmente do poder, haberá menos refuxiados afgáns que cheguen a Europa, é dicir, a Alemaña.

- Alemaña realizará un maior gasto en armas para a OTAN e por suposto para o Estados Unidos de Joe Biden. Agora, outorgar o dous por cento do PIB será un pouco máis fácil dado que este índice se reducira significativamente pola pandemia.

- Ao mesmo tempo, Biden pretende mostrar aínda máis hostilidade contra Rusia e dará máis apoio a Ucraína; como consecuencia, Rusia parece abandonar a esperanza de que as sancións estadounidenses e europeas se levanten algunha vez. Isto non é bo de ningún xeito para Alemaña.

 E ao fondo de todo albíscase Nord Stream 2, o gasoduto que vai de Rusia a Alemaña a través do Mar Báltico. Estados Unidos, que espera vender gas licuado a Alemaña, e Francia, e electricidade nuclear a Alemaña, seguirá facendo todo o posíbel para que o gasoduto se poña en marcha.Todo o que Merkel pode esperar é que os seus amigos, incluída Úrsula von der Leyen, non poñan en perigo o seu “xiro cara á enerxía” rusa, até despois da súa xubilación este outono.

 O escenario non pode ser máis pesimista para os eurócratas, o seu colapso pode non estar tan lonxe como pensamos hai só un ano.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 24 de marzo de 2021]