Covid-19, un virus clasista

Marc Vandepitte - 20 Set 2021

Desde o punto de vista sanitario, os pobres foron moito máis atinxidos polo coronavirus que os ricos, pero tamén o foron no seu peto. Mentres ducias de millóns de persoas caían no paro e a pobreza, as 32 maiores multinacionais do mundo viron aumentar os seus beneficios 109.000 millóns de dólares, só en 2020

 O coronavirus non afecta igual a todas as persoas, como adoita dicirse. As máis débiles están moito máis expostas ao virus e ás consecuencias económicas da pandemia. E os ricos mesmo conseguen gañar diñeiro coa enfermidade. A crise do coronavirus puxo de relevo con toda claridade a estrutura de clases do noso mundo

Un virus de clase

 Poderíase pensar que o virus afecta a todas as persoas por igual, pero ese non é o caso. Un estudo recente nos EUA amosou que a desigualdade é un factor moi a ter en conta na difusión e o impacto do virus. Canto máis baixo é o lugar que se ocupa na escala social, maior é o risco de ser contaxiado, de ser hospitalizado e de non sobrevivir á covid-19.

 O estudo apunta tres razóns. En primeiro lugar, o estado de saúde das persoas máis pobres é peor; teñen, por exemplo, problemas de obesidade con máis frecuencia. Iso fainas menos resistentes ao virus.

 En segundo lugar están as condicións laborais. Os traballadores mellor pagos puideron con frecuencia traballar desde casa, mentres que os obreiros de base non teñen acceso a ese luxo. As profesións de contacto adoitan estar mal pagas, pero son as que estiveron en primeira liña desta batalla. Ademais, moitas empresas incumpriron e seguen a incumprir as medidas de seguridade nas súas áreas de produción.

 Para rematar, os estratos máis baixos da sociedade, como é lóxico, teñen menos confianza no goberno. Xa que logo, tenden a cumprir menos as medidas de seguridade ou a vacinarse. Ademais, unha vez enfermos resúltalles máis complicado o illamento en casa.

 Esas tres razóns fan que o SARS-Cov-2 sexa en verdade un virus clasista. As cifras falan por si mesmas. Os habitantes dos barrios máis pobres dunha cidade como Antuerpen teñen o triplo de probabilidades de quedar infectados. O dez por cento de cidadáns máis pobres teñen máis do dobre de posibilidades de ser hospitalizados e mesmo cinco veces máis posibilidades de morrer por covid.

Os ricos fanse aínda máis ricos

 Desde o punto de vista sanitario, os pobres foron moito máis atinxidos polo coronavirus que os ricos, pero tamén o foron no seu peto. Segundo The Washington Post, a recesión provocada pola covid-19 foi a máis desigual na historia moderna.

 Mentres ducias de millóns de persoas caían no paro e a pobreza, as 32 maiores multinacionais do mundo viron aumentar os seus beneficios 109.000 millóns de dólares, só en 2020. O ano pasado a cifra de milmillonarios en todo o mundo aumentou en 493 persoas, todo unha marca segundo a revista Forbes. Polo menos 40 deses novos multimillonarios están relacionados con compañías implicadas na loita contra a covid-19, como Stéphane Bancel de Moderna e UğurŞahin de BioNTech. Os xigantes farmacéuticos contaron con subvencións moi xenerosas e o apoio dos gobernos para desenvolveren as vacinas, pero permitíuselles que se embolsen os descomunais beneficios.

 A riqueza conxunta deses multimillonarios creceu nuns abraiantes 5.100 millóns de dólares entre marzo de 2020 e marzo de 2021, un incremento do 62 por cento. Esta fabulosa cantidade equivale á riqueza que producen 3.000 millóns de persoas nun ano(1). Nunca se importaron tantos Ferraris e Lamborghinis a Bélxica como o ano pasado, “o ano do coronavirus”.

Vacinas: unha cuestión de vida ou morte de distinta dispoñibilidade

 A gran baza na loita contra o coronavirus é a vacina. As persoas non vacinadas teñen 29 veces máis probabilidades de ser hospitalizadas e 11 veces máis probabilidades de morrer de covid-19. O Servizo de Saúde Británico calcula que as vacinas salvaron 100.000 vidas nese país. Para os EUA e a UE en conxunto, a devandita cifra ascende a 1,4 millóns de vidas salvadas.

 As persoas non vacinadas son tamén fonte de novas cepas. Isto é o que ocorre en rexións cunha baixa taxa de vacinación, que se poden converter en caldo de cultivo porque o virus atopa moitos hóspedes aos que atacar. Canto máis tempo pasen esas persoas sen vacinar, máis probabilidades existen de que se desenvolvan novas cepas resistentes ás vacinas.

 Esa é a razón pola cal a conduta acaparadora dos países ricos resulta tan escandalosa e curtopracista. Segundo a ONU, os 30 países máis pobres só vacinaran o 2% da poboación a data de 30 de agosto, fronte ao 57% dos países de renda elevada. Na República Democrática do Congo, a taxa de vacinación é do 0,1%, en Haití do 0,24%, en Chad do 0,27% e en Tanzania do 0,36%.

 Os científicos indicaron que as actuais vacinas funcionan tan ben que a maior parte da xente non necesita unha dose de reposto aínda. Porén, nos EUA xa están a poñela en marcha e Israel mesmo está a preparar a administración dunha cuarta dose.

 O programa COVAX é unha iniciativa da ONU para fornecer de vacinas a prezos razoábeis aos países do Sur global. Até o de agora, só se entregaron un 11% das 2.000 millóns de doses prometidas. Aínda resulta máis escandaloso que países ricos como Gran Bretaña, Canadá, Australia, Nova Zelandia, Corea do Sur, Arabia Saudita e Qatar compren centos de miles de doses de vacinas COVAX para uso propio.

 Mentres os países ricos axiña terán un superávit de máis de 1.000 millóns de doses, segundo a Organización Mundial da Saúde unhas 10.000 persoas morren a diario de coronavirus, algo que sería “totalmente prevíbel” se as vacinas se distribuísen de xeito máis xusto. É posíbel dar con mellor exemplo dun virus clasista?

_____________________________________________________________________________

Nota:

(1) Refírome aos habitantes de África (agás Nixeria) e de Asia Meridional.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 20 de setembro de 2021]