
Convocan unha nova protesta en resposta a outra agresión na sanidade pública viguesa

A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo convoca unha nova mobilización para responder a outra agresión a unha persoa traballadora no hospital Álvaro Cunqueiro. A protesta terá lugar este venres día 25 na entrada de urxencias ás 11:00 horas.
A representación do persoal anunciara o pasado día 11 que ante o aumento dos ataques verbais e físicos contra as persoas traballadoras da sanidade viguesa ía convocar mobilizacións cada vez que se rexistrase un incidente deste tipo para reclamar da Xerencia a adopción de medidas preventivas reais “e non só de minimización dos danos”.
O anuncio producírase tras a agresión rexistrada o día anterior no Álvaro Cunqueiro, hospital que volveu ser escenario este martes 22 dun novo episodio similar. Nesta ocasión a afectada foi unha Técnica en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do servizo de urxencias, que recibiu un manotazo mentres atendía unha paciente que mesmo lle provocou a caída das lentes ao chan.
Dende a xunta de persoal trasládanlle a súa solidariedade á traballadora agredida e en extensión a todo o persoal de urxencias, “xa que é un dos servizos no que máis incidentes deste tipo se rexistran”.
Ao tempo que demandan da Xerencia a adopción das medidas preventivas oportunas para evitar ou minimizar as agresións, “dado que é un problema que vai en aumento”. E reclaman que se realice unha análise “en profundidade” das causas que provocan este incidentes “para poder tomar medidas preventivas reais”.
Finalmente, lémbranlle ás persoas traballadoras a importancia de comunicar as agresións e esíxenlle á Xerencia que teña en conta a magnitude e gravidade do problema “e adopte de forma urxente as as medidas preventivas e de protección necesarias”.