Convocan protestas en Magna Seating Vigo pola parálise na negociación do convenio
A práctica totalidade do comité de empresa de Magna Seating Vigo (CIG, CCOO e CUT) decidiu convocar mobilizacións os vindeiros días 30 de setembro e 2 e 4 de outubro ante a parálise das negociacións do convenio colectivo, despois de que a dirección decidise suspender as conversas de xeito unilateral tras nove xuntanzas.
Dende a representación da CIG no comité de Magna explican que a compañía do sector da automoción con sede no polígono porriñés das Gándaras négase a abordar a plataforma de convenio achegada pola parte social e pretende unicamente negociar as súas propostas, entre elas o establecemento de categorías de entrada. “Até o de agora mantivemos nove reunións, pero unicamente en dúas houbo negociación real, o resto foron un paripé”.
Neste contexto a compañía propuxo ir á mediación, pero o comité entende que primeiro tense que negociar a totalidade do convenio, “e logo poderíase ir á mediación para desbloquear as partes nas que non haxa acordo”.
En consecuencia, a parte social optou por convocar protestas -das que unicamente se desmarcou o delegado do sindicato de empresa GTV- para rexeitar os intentos de imposición por parte da compañía que suporían unha precarización das condicións laborais. De xeito que o cadro de persoal está chamado a concentrarse ás portas das instalacións de Magna os vindeiros días 30 de setembro e 2 e 4 de outubro de 13:00 a 15:00 horas.
Ao mesmo tempo, dende o comité anuncian que no caso de que tras estas mobilizacións non se retomen as negociacións abordarán a posibilidade de optar por outras medidas de presión.