Convocan protestas en DomusVi Ribadumia ante as imposicións da empresa e para reclamar a compensación de festivos en tempo
O comité de empresa da residencia de maiores DomusVi de Ribadumia, integrado por cinco delegadas da CIG, vén de anunciar mobilizacións para rexeitar as imposicións da dirección e reclamar a compensación dos días festivos traballados en tempo libre. A protesta terá lugar este venres 9 diante da residencia ás 11:30 horas.
Catro das cinco representantes da CIG en DomusVi, compareceron onte en rolda de prensa xunto ao secretario comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Iván Veiga, para denunciar os cambios de quenda impostos pola empresa de xeito unilateral dende o pasado 1 de xaneiro. “Empeorou os horarios do cadro de persoal e fíxoo sen cumprir os requisitos que se esixen, xa que o calendario anual ten que ser pactado coa representación legal das traballadoras/es”.
Neste senso, incidiron en que ao supoñer unha modificación substancial das condicións de traballo a compañía ten que abrir un prazo de 15 días para negociar os novos horarios e os cambios de quenda.
Ademais, fixeron fincapé en que o cuadrante entregado pola empresa supón que haxa semanas nas que non se cumpren os descansos legais, non se respecta o cómputo de xornada anual, nin tampouco a compensación en días festivos. “Esta é unha cuestión fundamental, que motivou a modificación de quendas; as traballadoras/es teñen xornada de luns a domingo, incluíndo festivos, e no seu convenio colectivo (e nunha sentenza doTribunal Supremo) establécese que esta compensación ten que ser en tempo de descanso”, detallou Veiga.
Mais as empresas do sector non respectan esta premisa, especialmente DomusVI, polo que o persoal ten presentado reclamacións individuais nas que se recoñece que a compañía non compensa correctamente o traballo en festivos. “Dende hai ano e medio estamos intentando negociar esta cuestión; por unha parte aseguran que queren implantar colectivamente a compensación en tempo, pero por outra chantaxean o persoal para que acepte unha modificación horaria e de quendas que é peor que a actual a cambio da compensación de festivos”.
Ademais, DomusVi está a ofrecer a posibilidade de compensar economicamente o traballo en festivos, e a un prezo inferior ao que xa teñen recoñecido nas sentenzas individuais as traballadoras/es. “Polo que nos negamos a asinar ese acordo, porque nos parecía unha chantaxe, e a empresa optou por impoñer a modificación horaria”.
En consecuencia, o cadro de persoal vese na obriga de presentar un conflito colectivo non xulgado e de iniciar unha campaña de mobilizacións -decisións que foron adoptadas en asemblea-, sen descartar a posibilidade de convocar folga “porque as traballadoras/es están fartas desta situación e de que non se respecten os seus dereitos”.
Convenio galego de residencias privadas
Dende a CIG-Servizos fixeron fincapé en que o sector das residencias privadas está a rexistrar un constante medre en Galiza, até o punto de que representa xa o 75 do total. “Unha situación que responde ao modelo privatizador que está a aplicar a Xunta do PP e que para nós é un auténtico fracaso porque só busca o beneficio económico das grandes empresas e dos fondos de investimento, a costa de precarizar as condicións laborais e da perda de poder adquisitivo das traballadoras/es”.
Fronte a isto, na central sindical apostan por unha intervención das administracións públicas no sector, ben xestionando directamente as residencias privadas e subrogando o persoal, ben garantindo a equiparación salarial coas traballadoras/es das residencias públicas.
“Facendo unha comparativa atopamos que unha xericultora dun centro público, que é a categoría laboral máis común nunha residencia, chega a cobrar até 4000 euros máis ao ano ca unha dunha residencia privada. E que o persoal das privadas fai unha media de 250 horas máis ao ano que o das públicas. Por iso administracións teñen que tomar cartas no asunto para rematar con estas desigualdades e faise imprescindíbel cambiar o modelo privatizador da Xunta”.
Ao mesmo tempo, lembraron que a día de hoxe as traballadoras/es teñen salarios por debaixo do SMI, “polo que poremos todo o noso empeño na negociación do convenio galego de residencias privadas que comeza hoxe para lograr unhas condicións dignas e uns salarios xustos”.