Convocados paros en Fontecelta para esixir melloras salariais e que se respecten os dereitos
Os traballadores e as traballadoras de Fontecelta acordaron iniciar un calendario de mobilizacións e paros laborais para esixir unhas condicións salariais dignas e que se respecten os seus dereitos. A primeira protesta terá lugar o martes 30 de abril cunha concentración ás 14:00 horas diante da fábrica de Sarria e, de non producírense avances na negociación do novo convenio, a partir do 7 de maio haberá paros semanais de unha hora por quenda laboral todos os martes e xoves.
Segundo explican dende a FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Fontecelta réxese por un convenio propio que se atopa en situación de ultraactividade e que está sen actualizar dende o ano 2010, agás no concepto de antigüidade, "polo que a práctica totalidade do salario base dos grupos profesionais máis comúns se atopa por debaixo do SMI".
Dende o pasado verán, sinalan, o comité de empresa mantivo varias xuntanzas coa dirección co obxectivo de renovar o convenio de empresa cunha proposta de equiparación salarial ao convenio estatal de sector de envasado de auga, que recolle unhas retribucións que están entre un 15% e un 35% por enriba do convenio de empresa.
A empresa só ofrece subas de 1.5% para 2019 e 2020
Porén, a dirección unicamente realizou unha proposta de incremento económico do 1.5% para os anos 2019 e 2020, respectivamente, "con conxelación para os exercicios anteriores, incluída a antigüidade, así como a eliminación de dereitos individuais adquiridos e consolidados". Diante desta agresión, as asembleas de traballadores e traballadoras acordaron de maneira maioritaria iniciar mobilizacións para esixir un convenio digno e que se respecten os dereitos laborais.
As mobilizacións iniciaranse cunha concentración o vindeiro 30 de abril ás portas das instalacións de Fontecelta en Céltigos (Sarria), de 14:00 a 15:00 horas. A partir do 7 de maio, haberá paros todos os martes e xoves de unha hora por quenda de traballo "con previsión de endurecer a duración e o número de xornadas de folga, e se fora preciso ampliar as mobilizacións até a chegar á convocatoria dunha folga indefinida".