Convocadas tres xornadas de folga na limpeza da Coruña para esixir un convenio con melloras laborais e salariais
Representantes de CIG, UGT e CCOO compareceron esta mañá en rolda de prensa para informar da convocatoria de folga no sector da limpeza da provincia da Coruña ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da patronal (con Eulen e Clece á fronte), que se nega a asumir ningunha mellora para o persoal e pola contra pretende recortar dereitos e conxelar os salarios. A primeira xornada de folga, de 24 horas, desenvolverase o día 22 de abril, mentres que haberá un paro de 48 horas entre o 11 e o 12 de maio.
Paulo Rubido, representante da CIG na mesa de negociacións, lembrou que o persoal leva moitos anos sen percibir un incremento salarial relevante e agora a patronal quere manter a precariedade deste colectivo laboral esencial na pandemia, altamente feminizado e que na meirande parte dos casos ten contratos a tempo parcial. E iso, a pesar de ser un sector que se está a beneficiar da emerxencia sanitaria debido ao reforzo das horas de limpeza e das desinfeccións.
"Neste último ano, subliñou, a limpeza incrementou facturación dunha forma destacada e tivo maior carga traballo, por iso non vale que a patronal pretenda escudarse na crise sanitaria para non só non dar nada, senón incluso querer recortar dereitos", denunciou.
A este respecto, Rubido explicou que, dende o inicio da negociación, as empresas acudiron á mesa coa intención de eliminar melloras consolidadas no convenio colectivo, como o dereito a ampliar xornada cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo ou na empresa, e o dereito á xubilación parcial; 'a cambio' da conxelación salarial para 2020 e dunha miserenta suba do 0,8% para 2021, mais sen devengos de atrasos. Unha proposta que, considerou, "atenta contra a dignidade dunhas traballadoras e duns traballadores que fan un labor esencial pero que non é recoñecido polas empresas".
A patronal teima nos recortes e a conxelación salarial
Malia as mobilizacións realizadas nestas semanas, as xuntanzas cos grupos parlamentares, as denuncias na Inspección e a presentación dun conflito colectivo, engadiu Rubido, nas dúas últimas reunións a postura da patronal "non mudou practicamente en nada. Reitéranse nese miserento incremento e nese recorte de dereitos. Fica claro que nestas condicións non podemos chegar a ningún tipo de acordo e a resposta que ten que dar o persoal é secundar masivamente a folga".
O representante da CIG fixo fincapé no carácter esencial deste sector, polo que lanzou un chamado á administración para que "non se posicione coa patronal á hora de determinar os servizos mínimos" e que estes sexan respectuosos co dereito á folga. "A Xunta ten que ser consciente de que hai 9.000 traballadoras/es na provincia da Coruña que están sen suba salarial e que ven ameazados os seus dereitos laborais; polo que o razoábel é que a administración inste a patronal a negociar e, no caso de non chegar a acordo, que non pretenda boicotear o exercicio efectivo da folga".
O próximo luns reunión coa patronal
O próximo luns está prevista unha nova reunión coa patronal e, de non producirse avances, "haberá folga na limpeza o 22 de abril, o 11 e 12 de maio e non descartamos máis convocatorias até lograr un convenio digno e con dereitos".
A folga afecta a todo o persoal regulado polo convenio de limpeza de edificios da Coruña (agás nos casos que exista convenio propio de empresa ou centro de traballo) que presta este servizo en lugares tan diversos como colexios públicos, centros de saúde, universidades, concellos, fábricas, autobuses, xulgados, aeroportos, pavillóns deportivos, instalacións culturais, centros comerciais, bancos, portais de edificios etc.