Convocadas catro xornadas de folga no transporte en autobús da Coruña en demanda dun convenio digno
“O 5 de decembro non haberá servizo de autobús”. Con esta contundencia, os representantes de CIG, UGT e CCOO anunciaban este mércores en rolda de prensa a convocatoria de catro xornadas de folga para este mes de decembro no transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada da provincia da Coruña en resposta á parálise na negociación do convenio colectivo.
O calendario de folgas, acordado polas asembleas de traballadores e traballadoras de forma unánime, dará comezo este venres día 5, continuará os días 12, 15 e 19 de decembro e afectará a todo o servizo, agás á Compañía de Tranvías da Coruña xa que dispón de convenio propio. Para darlle máis visibilidade ás súas reivindicacións, o próximo venres o persoal tamén se mobilizará diante das estacións de autobús da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.
Ademais, no caso de non producírense avances na negociación, as organizacións sindicais xa avanzaron que á volta do nadal formularán a convocatoria dunha folga de carácter indefinido até lograr un convenio digno, con subas salariais decentes e unha mellora real nas condicións de traballo.
Melloras na xornada, nos salarios e na conciliación
O voceiro da CIG na mesa de negociación, Ernesto López Rei, criticou que o convenio provincial de transporte de viaxeiros/as por estrada (que regula a unhas 3.000 persoas traballadoras) leva catro anos paralizado a causa do inmobilismo da patronal, que non ofreceu nada máis que un miserábel incremento do 1,2% para este 2025, pero sen querer tocar ningún outro aspecto.
Este convenio, sinalou, quedou obsoleto e xa foi xa foi superado pola lexislación laboral en materias como control de xornada ou a conciliación. Por iso, unha das principais reivindicacións do persoal do sector pasa pola regulación da xornada a disposición das empresas e por axustar o articulado do convenio á lexislación actual sobre o rexistro e control horario.
“Seguimos coas xornadas de hai dez anos”, rexeitou López Rei, quen apuntou que con esta folga “tamén queremos sacar o persoal acompañante do transporte escolar das condicións de escravitude na que están”. Un colectivo, matizou, altamente feminizado e moi precarizado que padece “contratos de 114 minutos diarios e leva para a casa salarios de 250 euros”.
No aspecto económico, reclaman un incremento dos soldos digno (neste 2025 os salarios permaneceron conxelados) e introducir unha cláusula de revisión ao IPC real "que permita garantir o mantemento do poder adquisitivo ante a carestía da vida".
Así mesmo, incorporar e actualizar os dereitos en materia de permisos "para poder conciliar" e que se acorde por convenio que o persoal traballador poida acceder á xubilación parcial, “que é a única modalidade na que podemos entrar vía negociación colectiva, para que non teñen que aguantar até os 67 anos tirados polas estradas”.
Mellorar as condicións de traballo, afirmaron, permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra.
Complicidade da Xunta de Galiza
Na comparecencia, o representante da CIG fixo un chamado á Xunta de Galiza, como titular dos contratos, para que se implique e traballe para desbloquear a negociación do convenio “que a patronal ten secuestrada”, facilitando un acordo que permita a desconvocatoria da folga.
López Rei incidiu denunciou a inoperancia do Goberno galego e reiterou que a administración non pode tolerar que as empresas privadas xoguen deste xeito cun servizo público de primeira necesidade, como é a mobilidade. Acusou a Xunta de ser cómplice da patronal, perpetuando coa súa pasividade a precariedade laboral neste sector e amosando un total desprezo polas persoas usuarias que ficarán sen servizo pola folga.