As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT compareceron en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de folga no sector de hostalaría da Coruña para o próximo 12 de agosto, coincidindo co eclipse solar, para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio provincial e unhas condicións laborais e salariais dignas para as persoas traballadoras.
O sector, matizaron, inclúe tanto os estabelecementos de comidas e ocio como os hoteis e os negocios de acampada. A convocatoria de folga chega despois de meses de negociacións infrutuosas e tras máis de ano e medio co convenio caducado e “os salarios do persoal conxelados dende xaneiro de 2025”.
Neste tempo, as catro patronais do sector na provincia non só desantenderon as demandas sociais, senón que “o único que pretenden é eliminar dereitos que xa están recoñecidos, mentres se queixan das baixas, do medre dos custes e da falta de man de obra”.
Esta é a primeira das mobilizacións pero os sindicatos xa advertiron que, de non producírense mudanzas na postura patronal e avances na negociación, as accións reivindicativas irán a máis.
Como exemplo da precariedade salarial que sofren as traballadoras e traballadores do sector, os representantes sindicais sinalaron que unha camareira ou camareiro dun restaurante de nivel alto “gaña 1.300 euros mensuais brutos, uns 1.080€ netos, traballando sábados, domingos, de noite etc. Isto é un abuso que non se pode tolerar”.
Recortar o complemento de IT
Na comparecencia pública, a representación sindical rexeitou as posturas do empresariado na mesa de negociación “que só pretende recortar dereitos recoñecidos” como o complemento que percibe o persoal que está en situación de baixa médica. “O único que trouxeron á mesa foi a eliminación deste complemento de IT”, rexeitaron, incidindo ademais en que este sector padece xornadas extenuantes e horas extraordinarias que non se abonan, así como númerosos problemas de saúde por problemas músculo esqueléticos.
Malia as mobilizacións realizadas polo persoal e o apoio recollido entre as persoas clientas, a patronal teima no seu inmobilismo e por iso “non queda outra alternativa que ir á folga e á mobilización” para exixir un convenio digno. Neste senso, os sindicatos criticaron a estratexia do empresariado de dilatar a negociación para tentar eludir o pago de calquera tipo de atraso salarial.
Marcos del Río, en representación da CIG, criticou a falta de rigor e de seriedade da patronal na negociación e cualificou de “pitorreo” que na última reunión aparecera cunha proposta de incremento salarial para os anos 2025 e 2026 do 0%. “Non nos deixan outra alternativa que a mobilización e a folga para lograr, coa forza de todo o persoal, un convenio digno nun sector altamente precarizado”, concluíu.
O representante da CIG subliñou que o convenio regula a unhas 28.000 persoas en toda a provincia da Coruña, cuns salarios no limiar do SMI, e que as protestas seguirán se non hai avances.