Convocada folga nos bancos AEB para o 29 de febrero en demanda de melloras no convenio colectivo
CIG, ELA, SEC (BBVA) e La Intersindical veñen de anunciar a convocatoria conxunta dunha folga nos bancos AEB (Asociación Española de Banca) para o próximo 29 de febreiro en demanda de melloras no convenio colectivo. Entre outras cuestións reclaman a recuperación do poder adquisitivo, que se poña freo á presión comercial desmedida e que se remate coa precarización do traballo no sector bancario.
As organizacións sindicais convocantes agardan que se sumen outros sindicatos á convocatoria e por iso anuncian que se dirixirán a todos os que teñen representación na mesa para que se adhiran á convocatoria. “Compartimos a necesidade de convocar folga no sector, pero debe ser o antes posíbel, non podemos seguir soportando máis desprezos da patronal”.
Entenden que para avanzar na consecución de melloras no convenio é necesaria a mobilización de todo o persoal, diante do deterioro das condición laborais e o “clima laboral tóxico”. Por iso anuncian tamén que apoiarán os paros parciais anunciados para o día 26 de febreiro polos sindicatos estatais “sen perder de vista” a convocatoria de folga do 29 de febreiro.
Denuncian que os grandes bancos AEB veñen de publicar uns beneficios históricos prometendo máis para este exercicio e consideran que ”non podemos deixar pasar este momento para negociar e recuperar dereitos”.
Negociación do convenio
A negociación do convenio iniciouse antes de que finalizara a súa vixencia en decembro de 2023. Segundo explica Rosa Conde, responsable do Sector Bancario da CIG-Banca, os sindicatos estatais decidiron denuncialo moito antes e abrir as mesas de negociación “porque supostamente había premura por acadar acordos, sobre todo en materia salarial”.
Lembra que no último convenio, hai cinco anos, a suba salarial fora dun 2,5%, independentemente dunha suba extraordinaria que pactaron a finais de novembro de 2022. En convenio estaba pactado un 1,25% para 2023 e pactaron subir un 4,50% para ese ano (un 3,25% máis). Denuncia que, porén, as empresas do sector pretenden aplicar agora unha suba salarial dun 8% para catro anos, ofrecendo un 2,75% para 2024, “cando o IPC xa pechou, no mes de xaneiro, a un 3,4%”.
Ante isto Conde denuncia que esta proposta de incremento salarial “non é de recibo”, máis cando a banca está declarando beneficios “estratosféricos” e o persoal acumulou, “tan só nos últimos 5 anos, unha perda de poder adquisitivo do 10%, tendo en conta só o IPC”.
Presión comercial
A responsable do sector bancario da CIG denuncia ademais a presión comercial, que se reproduce en todas as empresas e que cualifica de “desproporcionada e brutal”. A este respecto Conde afirma que o persoal “non consigue desconectar, están absolutamente invadidos polos obxectivos comerciais que teñen que conseguir no seu día a día, a desconexión dixital non existe porque teñen que enviar reportes polas tardes a pesar de que os bancos din que non que se está respectando”. Un problema do que advirte que “se está xogando coa saúde da xente”.
Supresión de dereitos
Xunto a isto advirte de que a patronal “vén coa idea de suprimir dereitos que xa temos”. A este respecto explica que agora mesmo, en convenio, teñen unha mobilidade de 25 quilómetros. Até esa distancia non se considera traslado, pero a partir de aí si. “Isto limita á empresa a movernos porque está suxeita a unhas regras”.
Porén agora pretende impoñer unha mobilidade de 50 quilómetros. “Din que ao reducirse os cadros de persoal, como consecuencia dos ERES, agora non poden atender debidamente as súas necesidades de servizo nas oficinas e necesitan máis flexibilidade para mover ao persoal”.
A resposta sindical é contundente. “Nós negámonos a iso”, di a representante da CIG que explica que ademais, no caso de Galiza, “esa mobilidade é moito máis lesiva porque temos que pensar que no noso territorio non hai transporte público como pode haber noutros territorios”. Uns desprazamentos nos que considera que inflúe tamén a orografía porque “non é o mesmo percorrer 50 quilómetros en Galiza que en Madrid ou en Valencia”.
Ás dificultades de desprazamento engade a redución salarial que supón, porque “ao final os gastos da mobilidade quen os ten que soportar é a persoa que ten que desprazarse máis alá deses 25 quilómetros”.
Mobilización e folga
Toda esta situación ten provocado que os cadros de persoal estean “moi queimados” porque en “plena voráxine de beneficios que lles caen do ceo, pola suba de tipos de interese do BCE e porque non están remunerando os cartos da clientela, están recortando por todos lados”.
Rosa Conde apunta que xa teñen falado cos sindicatos estatais para que se sumen a súa proposta de folga. “Entendemos que non podemos agardar máis. Temos que dar un paso adiante porque é a única forma de presionar á patronal e que se mova”.